Elévase a definitiva a aprobación da modificación do regulamento municipal do servizo de axuda no fogar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A Corporación municipal da Laracha reuniuse hoxe na sesión ordinaria do Pleno correspondente ao mes de maio, que estivo presidida por José Ramón Martínez Barbeito, primeiro tenente alcalde, tras escusar a súa ausencia o alcalde, José Manuel López Varela. Tampouco acudiron á sesión a concelleira Rocío López e os dous edís do grupo municipal dos socialistas.

Tras gardarse o habitual minuto de silencio en recordo e homenaxe ás mulleres vítimas da violencia de xénero, deuse conta á Corporación do informe de intervención e tesourería correspondente ao primeiro trimestre do ano, en aplicación da lei 3/2004, de 29 de decembro, pola que establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais. O documento indica que o Concello da Laracha está a cumprir cos prazos de pagamento aos provedores fixados pola citada norma e que non existen facturas pendentes de abono.

A continuación, abordouse a aprobación definitiva da modificación do regulamento municipal do servizo de axuda no fogar (SAF), asunto aprobado coa abstención do grupo dos nacionalistas. O cambio neste texto ten por finalidade adaptalo á nova lexislación autonómica, afectando a unha serie de normas que regulan o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e a atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes e, por último, a participación das persoas usuarias no financiamento do custo do servizo.

Salientar tamén que foi aprobada unha moción promovida polo grupo do Partido Popular referida ao anteproxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial presentada o pasado día 4 de abril polo ministro de Xustiza ante o Consello de Ministros. Por iniciativa dos populares da Laracha, o Concello instará ao Goberno central para que teña en conta as especificades e peculiaridades propias de Galicia, de tal xeito que propoñen se manteñan os Partidos Xudiciais galegos que cumpran cunha serie de características relativas á poboación, situación xeográfica e comunicacións, entre eles, o de Carballo.

28 de maio de 2014 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.