Distribúese froita entre 1.500 nenos de educación infantil e primaria de Vigo para mellorar os hábitos alimenticios

Bravo Bosh na visita ao centro
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, participou esta mañá na distribución de froita fresca aos alumnos e alumnas de infantil e primaria do CEIP Pintor Laxeiro da cidade olívica, actividade enmarcada no programa AliméntaTBen da Consellería de Medio Rural e do Mar.
En virtude das axudas concedidas polo Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), o colexio Pintor Laxeiro é un dos 27 centros educativos de Vigo que recibiu esta axuda –xa publicada no DOG- para distribuír froita fresca entre 417 alumnos e alumnas dos niveis de ensino comprendidos entre o segundo ciclo de infantil e o terceiro ciclo de primaria.
Dende o 5 ao 9 de maio, no CEIP Pintor Laxeiro se está a levar a cabo o segundo período de distribución de froita xa que contan con tres quendas de reparto. O primeiro tivo lugar no mes de febreiro –onde se chegaron a repartir un total de 514 quilos de froita-, o segundo nesta semana de maio e, o terceiro, está previsto que se leve a cabo na primeira semana de xuño. No reparto, que se realiza no momento do recreo dos nenos e nenas, se distribúen plátanos, fresas, mazás, laranxas ou mandarinas, entre outros. Segundo as estimacións do Fogga, e ao final dos períodos de distribución, cada alumno e alumna chega a comer ao redor de 2 quilos de froita.
Ademais, en Vigo e nesta mesma semana, tamén se leva a cabo esta actividade noutros catro centros educativos que son o CEIP Mosteiro-Bembrive, CPR María Auxiliadora, EEI Monte do Alba e IES de Teis. Isto supón un reparto que chega a un total de 1.516 alumnos e alumnas durante soamente unha semana.
Coma informou Bravo Bosch, no programa global participan un total de 54 centros educativos dos 14 concellos que conforman a área da Delegación Territorial da Xunta en Vigo. Se ben é certo que estes datos non son finais xa que o pasado 2 de abril o Fogga autorizou unha ampliación de crédito para esta campaña, polo que á espera da publicación no DOG, o plan de froita nas escolas chegará á totalidade dos centros que o solicitaron.
Trátase así dunha iniciativa convocada a través do programa AliméntaTBen que desenvolve a Consellería de Medio Rural e do Mar coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Consellería de Sanidade, e coa que se pretende contribuír a unha mellora dos hábitos alimenticios e a unha nutrición saudable do alumnado dos centros escolares de Galicia. As froitas frescas distribuídas aos escolares son de excelente calidade e atópanse no seu grao óptimo de madureza de consumo. E salvo excepcións, as froitas frescas son consumidas nas dependencias do establecemento escolar no momento do recreo.
Con todo, o plan de froita nas escolas ten por obxectivo, a curto prazo, potenciar o consumo destes produtos pola xuventude, en virtude do seu aprovisionamento aos centros escolares, e, a longo prazo, trata de desempeñar un papel pedagóxico nos hábitos alimentarios, constituíndo unha auténtica acción educativa destinada a manter ou a fomentar nas escolas o hábito de consumo de froita.











