Dezanove nenos participaron nun obradoiro de monicreques de papel en Oroso

Obradoiro de monicreques en Oroso
Un total de dezanove nenos e nenas de Oroso, de entre 6 e 12 anos, participaron no obradoiro gratuíto “Marionetas de papel”, ofrecido pola compañía Viravolta Títeres dentro do programa de actividades programadas polo Concello de Oroso co gallo da conmemoración do Día das Letras Galegas. Durante algo máis de media hora, cada cativo elaborou unha marioneta aplicando os principios básicos da papiroflexia sobre cartolinas de cores.
Así, os pequenos tiraron de imaxinación para inventar distintas caras para o seu monicreque, que puideron levar para a súa casa unha vez rematado o obradoiro. Así mesmo, os compoñentes de Viravolta Teatro reflexionaron cos pequenos sobre a importancia das bibliotecas como depositarias da riqueza dos libros e como espazo de uso comunitario da cultura.
Resto do programa
Ata finais de mes, a biblioteca de Sigüeiro acollerá unha exposición sobre Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado este ano. Xunto coa cartelería, hai expostos varios libros sobre a súa vida e a súa obra, que os usuarios poden levar á casa co único requisito de ser socio da biblioteca.
Así mesmo, o venres 23 de maio, ás 18:00 horas, terá lugar a última reunión do club de lectura mentres que o último contacontos da temporada terá lugar o sábado 24 de maio, ás 11:00 horas, baixo a temática: “Contos vellos para rapaces novos”. Por último, o venres 30 de maio, ás 18:00 horas, o centro cultural de Sigüeiro acollerá unha gran festa de despedida desta temporada. En todos os casos a participación é de balde, se ben por razóns de organización é preciso anotarse previamente na biblioteca ou no teléfono 981 690 903.











