Deteñen a un veciño de Ourense como presunto autor dun furto nun ximnasio do Carballiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO CarballiñoSucesos
A-
A+

A policía local do Carballiño detivo o pasado 18 de maio a J.L.P.B, natural da Coruña e veciño de Ourense, como presunto autor dun roubo con forza nun ximnasio da vila carballiñesa.

Os feitos comezaron cando os axentes de servizo da Policía Local recibiron unha chamada ás 4:45 horas da Garda Civil alertando de que o 112 lles comunicara que se escoitaron fortes golpes nun baixo comercial do edificio Juan Curral.

Os axentes desprazáronse rapidamente ao lugar, comprobando como unha das portas situadas xunto á saída de emerxencia de devandito local tiña un cristal da parte de abaixo roto, e unha xanela do mesmo local tamén rota. Os dous axentes situáronse cubrindo as dúas saídas,e observaron como un home entraba no local polo cristal roto da porta de emerxencias.

Cando chegou a patrulla da Garda Civil, colaboraron cubrindo as citadas saídas, e ao mesmo tempo tentando contactar co propietario do local, para que lles facilitase as chaves do mesmo. Tras un tempo tentando localizar ao propietario, un dos axentes da Policía Local comproba como un home está agachado baixo a xanela rota, e ao ser descuberto levanta as mans e sale pola porta de emerxencias, momento no que é reducido polos axentes , e ao rexistrárselle, comproban que levaba unha bolsa con diñeiro en efectivo e as chaves dun coche marca Volvo, e un desaparafusador, así como luvas negras que levaba nas mans.

Os axentes entraron despois no local para comprobar que non había ninguén máis dentro, e posteriormente len os seus dereitos ao detido e trasládase ao cuartel da Garda Civil onde se realizan as correspondentes dilixencias.

Mentres tanto localízase o vehículo, un Volvo modelo S40 matrícula Po 9189 BP, que se atopaba estacionado na rúa Calvo Sotelo, coa porta do condutor aberta.

19 de maio de 2014 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.