Desestímanse os recursos das asociacións de vítimas de Angrois contra os peritos industrial e de camiños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña notificou este luns un auto no que desestima os recursos de apelación interpostos contra o nomeamento como peritos xudiciais de dous funcionarios da Xunta para elaborar o informe solicitado polo titular do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago, que investiga o accidente ferroviario de Angrois.

A sala entende que o recurso, presentado por unha das dúas asociacións de vítimas –Apafas, que lidera o andaluz Cristóbal González– non pode prosperar tanto porque os peritos designados –funcionarios públicos– contan coas titulacións que se especifican nun auto do 6 de agosto de 2013 –enxeñeiro industrial e enxeñeiro de camiños, canles e portos– como porque na súa designación se seguiu “o procedemento previsto”.

Recordan os maxistrados que a cuestión formulada sobre a imparcialidade dos peritos, cando se trata de funcionarios públicos, foi estudada e resolta polo Tribunal Supremo (TS) e é “criterio xurisprudencial reiterado” que a calidade de funcionario público de quen actúa como perito “non constitúe causa de recusación nin determina perda de imparcialidade”.

Estes dous funcionarios a actuación dos cales avala agora a Audiencia Provincial coa súa resolución son José Manuel Lamela Riveira, enxeñeiro industrial, e Juan Carlos Carballeira Rifón, enxeñeiro de camiños. O primeiro entregou durante os últimos días o seu informe preeliminar o xuíz que instrúe o caso, Luis Aláez e, nel, mantén que o material rodante era correcto.

O seu ditame súmase, así, a outros dous de signo contrario, críticos con decisións técnicas aprobadas por Renfe e Adif na liña na que se produciu o descarrilamento. Son os achegados polo perito Ángel Luis Sanz Cubero, designado por parte da defensa do maquinista do tren sinistrado; e o do enxeñeiro de telecomunicacións, tamén nomeado por parte o Xunta.

A maiores, quedan os estudios que trasladen o perito designado pola aseguradora QBE e o nomeado a petición do administrador de infraestruturas ferroviarias (Adif).

“INTERESE AO MENOS INDIRECTO”

Apafas, segundo recorda a Audiencia no auto notificado este luns, poñía en dúbida os “especiais coñecementos técnicos” de Lamela Riveira e Carballeira Rifón, ademais de alegar que neles “concorre un interese polo menos indirecto na causa, dada a súa vinculación coa Administración autonómica”.

Non obstante, os maxistrados da sección sexta desestiman os recursos de apelación pero faino sen que proceda a imposición das costas.

5 de maio de 2014 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.