publicidade hoxe

Deputación e Concello de Pontevedra asinan o protocolo para a construción dunha planta de compostaxe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+
Sinatura do protocolo

Sinatura do protocolo

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asinaron esta mañá o protocolo de colaboración co que se inician os trámites para a posta en marcha dunha planta de compostaxe na provincia, nun acto no que contaron co apoio de asociacións de veciños, comunidades de montes e entidades ecoloxistas.

No acto de sinatura, no que tamén estiveron presentes os deputados provinciais e concelleiros de Pontevedra Ana Isabel Vázquez e Cesáreo Mosquera, Louzán subliñou que se trata dun protocolo que parte “da colaboración que hai xa máis dun ano iniciamos entre esta institución e os alcaldes da provincia, co apoio do BNG, para sacar adiante un proxecto intermunicipal que nos permita unha xestión máis eficaz dos residuos tanto desde o punto de vista económico como ambiental”.

Nesta liña recalcou que o paso dado hoxe é “un camiño que non ten volta atrás” e “debe levarnos a que Pontevedra, no prazo de tempo necesario para a construción e posta en marcha” conte cunha planta de compostaxe que contribúa “a curto e medio prazo” “á mellora da calidade ambiental” da provincia.

Implicación social

Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández Lores incidiu en que se trata dun proxecto que “nace con bo pé porque hai dúas institucións que se están implicando no tema e porque hai un sector formado por comunidades de montes, veciños e mesmo asociacións ecoloxistas que hoxe están aquí” e que demostran que “hai un consenso que é garantía de que podamos, co traballo serio e rigoroso dos técnicos, dar un paso adiante na recuperación e reutilización dos residuos sólidos orgánicos, que é unha das grandes materias pendentes a nivel de tratamento de residuos en Galicia”.

Na mesma liña se manifestou Rafael Louzán, que recalcou que este proxecto servirá tamén para evitar os grandes desprazamentos que hai que facer actualmente para o tratamento dos residuos e que implican un enorme gasto económico e un considerable prexuízo ambiental.

Coa construción da planta, unha parte importante dos residuos da provincia “poderase procesar aquí, co que eliminamos ese gasto en transporte e, sobre todo, facemos unha achega desde o punto de vista ambiental”.

Tanto Louzán como Lores, amosáronse confiados en que, aínda que a planta dará servizo inicialmente ao concello de Pontevedra e aos máis de 20 concellos adheridos ao Servizo Provincial de Recollida de Lixo, durante o proceso de tramitación e construción da planta e incluso unha vez en marcha, “se sumen máis concellos”, para sacarlle maior proveito.

Campañas de sensibilización

Tamén incidiron na necesaria conciencia social para facer viable a planta, dado que tratará residuos que se separen en orixe, polo que é fundamental a colaboración da sociedade.

Para lograla, Concello e Deputación comprométense tamén a impulsar campañas de sensibilización que dean a coñecer o proxecto e a importancia da separación de residuos no fogar.

Neste sentido, Louzán amosouse confiado en acadar “esta sensibilización e implicación cidadá” nun proxecto “que deputación, concello de Pontevedra  e demais municipios da provincia facemos conxuntamente”.

O proxecto requirirá da implantación dun novo contedor, que será de cor marrón, e no que os cidadáns deberán depositar os residuos orgánicos correctamente separados no fogar.

Circunstancias idóneas

A unión de todas as administracións implicadas vai permitir contar coa suficiente “masa crítica” como para garantir a viabilidade da planta, unha viabilidade que Lores e Louzán consideran garantida tamén polas circunstancias concretas do momento no que nace e que en nada se parecen ás que se deron cando se impulsaron outros proxectos fallidos.

Neste sentido, ademais do elevado grao de implicación social e da vontade política de Deputación e Concello de impulsala, a planta nace co aval de coincidir coa liña de traballo do novo plan de residuos da Xunta de Galicia, que fai unha aposta firme pola compostaxe, e de ser unha necesidade para dar resposta ás directivas europeas que establecen que en 2020 haberá que compostar un mínimo do 25% da fracción orgánica dos residuos.

Concretar detalles

Louzán anunciou que agora a Deputación iniciará os estudos de viabilidade para que a nova instalación naza “con todas as garantías técnicas, económicas e ambientais”, de forma que se detallen “elementos moi relevantes como a capacidade ideal da planta, a tecnoloxía necesaria, o investimento que requirirá…”

Con eses datos na man “estaremos en condicións de dotar a Pontevedra dun servizo que agora non existe”,  e que axudará a mellorar o tratamento do lixo a adaptarse ás novas esixencias legais, pero tamén a acadar unha xestión do monte máis sostible, xa que se colaborará coas comunidades de montes tanto para tratar na planta os residuos de rozas, limpezas de monte… como para que poidan utilizar o compost producido na rexeneración do monte.

Terreos

En canto aos terreos, o concello de Pontevedra comprométese a buscar unha localización idónea para a planta, para o que abrirá un prazo duns meses para que se poidan presentar ofertas.

Así, Cesáreo Mosquera afirmou que xa dispoñen dalgunhas propostas, pero que é preciso abrir un prazo e despois valoralas todas en detalle para elixir a mellor ubicación posible.

16 de maio de 2014 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.