Datas para o depósito dos plásticos agrícolas nos puntos de recollida
Hoxe e mañá a empresa autorizada está a recoller dos lugares habilitados ao efecto os silos agrícolas das parroquias de Catasós, Vilanova, A Xesta, A Barcia, Anseán, Gresande, Cristimil, Soutolongo, Botos, Moneixas, Zobra, Lebozán, Vilatuxe, Lodeiro, Doade, Donsión e Donramiro A campaña de recollida de plásticos e silos agrícolas é a segunda desenvolvida pola Oficina Agraria neste ano e continuará nas próximas semanas por outras parroquias
A campaña de recollida de plásticos e silos agrícolas posta en marcha nesta semana pola Oficina Agraria adscrita á Concellería que dirixe Manuel Fernández, continuará a vindeira semana nas parroquias de Noceda, Anzo, Losón, Busto, Madriñán, Méixome, Santiso, Bermés, Prado, Bendoiro e Filgueira.
Segundo explica o edil delegado os veciños disporán dos días 19, 20 e 21 de maio para deixar os plásticos de silo ou invernadoiro nos puntos de recollida que son: xunto aos centros sociais de Losón, Anzo, Méixome, no campo da festa de Noceda e de Bermés, na estrada vella de Bendoiro -detrás da gasolineira- e en Cardexía -na finca de Vila fronte á pista que vén do Toxo-.
Fai un chamamento á colaboración dos gandeiros para que deixen nos ditos lugares os plásticos atados en fardos sen que leven restos de terra ou herba e incide na importancia que ten a colaboración para a correcta xestión destes residuos que se quedan na terra son altamente contaminantes. Así mesmo precisa que non se poderán depositar rodas nin garras de herbicidas ou deterxentes.
RECOLLIDA
Tamén ao longo do día de hoxe e mañá a empresa autorizada recollerá os plásticos e silos agrícolas establecidos nos puntos de recollida para as parroquias de Catasós, Vilanova, A Xesta, Barcia, Anseán, Gresande, Cristimil, Soutolongo, Botos, Moneixas, Zobra, Lebozán, Vilatuxe, Lodeiro, Doade, Donsión e Donramiro -parroquias correspondentes coa primeira tanda de recollida posta en marcha esta semana- cuxos veciños dispuxeron dos días 12, 13 e 14 de maio para depositar este tipo de residuos. Esta campaña, a segunda do ano desenvolvida pola Concellería de Actividade e Produción Agraria, continuará en vindeiras semanas polas restantes parroquias.











