Currás descoñecía que Adrián Varela estivese citado a declarar cando lle presentou a súa dimisión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Santiago de Compostela, Ángel Currás, asegurou que ata este martes non soubo que Adrián Varela fora chamado a declarar en calidade de querelado a raíz da denuncia presentada contra el pola CIG por pedir o despedimento da muller dun sindicalista, co que descoñecía esta circunstancia cando o concelleiro de Deportes lle presentou a súa dimisión o pasado luns.

En declaracións aos medios de comunicación, Currás dixo que foi “coñecedor” de que Adrián Varela tería que declarar como querelado por este caso “ao longo do día de onte”, e mostrouse dubitativo sobre o día no cal o edil dimisionario recibiu a citación. “O concelleiro paréceme que o recibiu no día de onte ou no día de antonte”, barallou.

Non obstante, fontes xudiciais confirmaron que foi o luns cando lle foi notificada a Adrián Varela a citación para acudir ao Xulgado de Instrución número 3 de Santiago, ás 10,00 horas do 13 de xuño, para declarar en “calidade de querelado” por un suposto delito contra o exercicio de dereitos cívicos cometido por funcionario público.

SOLIDARIEDADE OU NOVOS PROBLEMAS XUDICIAIS

Preguntado se esta citación como querelado influiría na dimisión de Adrián Varela, quen tamén está imputado na Operación Pokémon, o rexedor admitiu que non o sabe. “Creo que Adrián Varela foi claro, dixo que presentaba a súa dimisión en solidariedade e tamén pola propia situación familiar e de presión á que estaba sometido”, recordou.

O rexedor referíase desta forma a que no comunicado remitido aos medios a última hora do luns, Adrián Varela esgrimía que a súa renuncia era unha mostra de “solidariedade” cos seus sete compañeiros que sentaron no banco por autorizar a súa solicitude para que o Concello custease a súa defensa na Pokémon.

“Eu respecto loxicamente a decisión de Adrián. É unha decisión persoal, unha decisión meditada. E soamente lle desexar sorte”, agregou Currás, quen se mostrou convencido de que na súa comparecencia ante o Xulgado número 3 de Santiago “explicará claramente as razóns e todo o que rodea ese asunto”.

Segundo se desprende do sumario da Operación Pokémon, Adrián Varela pediu a un directivo de Sermasa, empresa concesionaria do Concello de Santiago e filial de Vendex, o despedimento dunha das súas traballadoras por estar casada co delegado sindical da CIG na casa do concello compostelano.

Cando transcenderon as súas declaracións, Varela, que está imputado na Operación Pokémon por falsidade documental, tráfico de influencias e suborno, chegou a admitir actitudes “reprochables”, pero deu por feito que “xudicial e penalmente” non terían “maior percorrido” e defendeu a súa continuidade como edil.

SUBSTITUCIÓN

Acerca do seu relevo no Concello de Santiago, Ángel Currás limitouse a indicar que “é un procedemento regulado”, de forma que unha vez que se formalice a renuncia, “a continuación a xunta electoral elixe en función da lista o seguinte”.

Non obstante, a lista dos populares en Santiago de Compostela xa correu bastante e o seguinte na candidatura e ao que agora tocaría entrar no Pazo de Raxoi é Daniel Grela, quen tamén se barallara no anterior relevo, pero finalmente non se concretou.

A de Adrián Varela é a terceira dimisión no goberno municipal de Santiago a causa da corrupción, posto que antes tamén dimitiron o que era alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa, tras a súa imputación por unha fraude fiscal pola cal acabou por ser condenado; e o concelleiro Albino Vázquez, detido na Operación Manga, derivada da Pokémon.

28 de maio de 2014 | 14:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.