Currás asegura que se “están seguindo” os estatutos do PP e espera que os edís procesados “non sexan condenados”
O alcalde de Santiago, Ángel Currás, mostrou o seu “desexo” de que os sete edís procesados por aprobar en xunta de goberno o pagamento da defensa do concelleiro Adrián Varela -imputado no ‘operación Pokémon’- “non sexan condenados” e asegurou que se “están a seguir estritamente os códigos do partido”.
Así se pronunciou o rexedor este venres ao ser preguntado polos medios de comunicación sobre as declaracións do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, nas que asegurou que, de ser declarados culpables serán expulsados do partido sen esperar a que a sentenza sexa firme.
“Creo que se están a seguir estritamente os estatutos do Partido Popular e pouco teño que engadir ao que xa dixo o presidente”, manifestou Currás antes de asegurar que “espera, confía e desexa” que o luns “non sexan declarados culpables”.
En concreto, os sete concelleiros imputados polo pagamento da defensa de Adrián Varela sentarán no banco o luns, día 19 de maio. A dirección do partido comunicoulles a pasada semana que o seu expediente informativo -aberto ao ser imputados- pasaba a ser disciplinario coa apertura do xuízo oral.











