Cultura no Camiño impulsa 116 actuacións escénicas e musicais na provincia da Coruña
A Xunta de Galicia promove ata finais de setembro un total de 116 representacións escénicas e concertos nos 31 concellos da provincia da Coruña que están a participar na segunda edición do programa ‘Cultura no Camiño’. O circuíto está organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Turismo de Galicia, en colaboración con 81 municipios das diferentes rutas xacobeas en Galicia e co patrocinio de Gadis, como parte das actividades conmemorativas do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.
A delegada territorial da Xunta de Galicia, Belén do Campo, o director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil, e o director de Marketing de Gadisa, Antonio Cortés, presentaron hoxe a carteleira coruñesa deste programa, que en 2014 duplica o número de representantes da provincia respecto da anterior edición, celebrada en outubro de 2013.
Así, ‘Cultura no Camiño 2014’ achega música, teatro, narración oral, danza, maxia e novo circo a 12 municipios do Camiño Inglés (A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Fene, Miño, Neda, Ordes, Pontedeume e Oroso), sete do de Fisterra-Muxía (Ames, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Negreira e Santa Comba), catro do Francés (Arzúa, Melide, O Pino e Santiago de Compostela), outros catro da Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla (A Pobra do Caramiñal, Dodro, Rianxo e Ribeira), tres do Portugués (Padrón, Rois e Teo) e un do Camiño de Norte (Sobrado).
Oferta heteroxénea
Na súa intervención, Do Campo detallou os principais datos da programación na provincia, onde arrancou o pasado 15 de abril e se prolongará ata o 28 de setembro. Durante estes cinco meses, un total de 74 formacións e artistas actuarán nos concellos coruñeses inscritos para ofrecer 57 representacións teatrais e contacontos, 21 concertos de música, 27 sesións de maxia, nove de novo circo e dúas de danza. Á heteroxeneidade de estilos artísticos engádese, ademais, a variedade das propostas en canto ao seu público obxectivo, entre o que tamén se ten en conta os espectadores máis novos con 62 actuacións pensadas para eles.
Segundo resaltou a delegada territorial, o Camiño de Santiago continúa a ser un fenómeno plenamente actual e convértese no noso símbolo de identidade, un elemento desestacionalizador e captador de turismo internacional que posiciona a Galicia como marca e como destino diferencial.
“As actuacións para a súa conservación, mantemento e promoción son fundamentais para a súa difusión e para incrementar o valor engadido da experiencia de ser peregrino en Galicia”, explicou. A máxima representante do Goberno galego na provincia engadiu que ‘Cultura no Camiño’ conforma unha acción promocional que incrementa a vertente cultural da experiencia turística e configura unha programación enmarcada no VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.
Nova canle de distribución
Pola súa banda, o director da Agadic subliñou o carácter colaborativo e inclusivo desta iniciativa como resultado da suma dos esforzos organizativo e orzamentario por parte da Xunta de Galicia, dos 81 concellos inscritos e de Gadis como empresa patrocinadora. O obxectivo común é a descentralización da oferta escénica e musical e a dinamización cultural da localidades do Camiño de Santiago, ao tempo que se lles ofrece ás compañías e aos grupos musicais galegos unha nova canle para compartir as súas últimas producións cos espectadores.
Jacobo Sutil ofreceu, así mesmo, unha panorámica xeral do programa que, do mesmo xeito que no caso concreto da Coruña, duplicou o número total de municipios implicados respecto a 2013. Configurouse, deste xeito, unha ampla carteleira de 322 actuacións protagonizadas por 134 compañías e artistas que suman un total de 159 funcións de teatro e danza, 74 de maxia, 60 actuacións musicais e 29 de novo circo.
En canto ao resto das provincias, na de Pontevedra 22 concellos acollen 88 actuacións; na de Lugo, 18 concellos ofrecen 80 concertos e funcións escénicas; e na de Ourense, 10 concellos levan aos escenarios un total de 38 representacións.
O financiamento de ‘Cultura no Camiño’ realízase de xeito compartido entre a Xunta e as administracións locais seguindo criterios de poboación. Así, para municipios de máis de 20.000 habitantes, a Consellería de Cultura e Educación e Turismo de Galicia achegan o 40 por cento dos cachés dos espectáculos, mentres que nos concellos de menos de 20.000 habitantes, a Administración autonómica asume a metade dos custos.











