Cultura e Concello de Cambados colaboran na conmemoración do 125 aniversario do nacemento de Francisco Asorey

Sinatura do convenio de colaboración. Foto: A. Varela
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o alcalde de Cambados, Luis Aragunde, asinaron un convenio a través do que ambas as entidades subscriben a súa colaboración para a conmemoración do 125 aniversario do nacemento de Francisco Asorey, tal e como anunciara xa o conselleiro na ofrenda floral realizada ao escultor o pasado mes de marzo no Panteón de Galegos Ilustres.
A través do acordo asinado hoxe, a Consellería achegará 12.500 euros para apoiar dúas das actividades programadas para homenaxear o cambadés neste 2014. Así, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad colaborará co primeiro certame de escultura ‘Francisco Asorey’, destinado a escultoras e escultores galegos ou que residan en Galicia menores de 30 anos, que participan neste certame presentando unha obra inédita e orixinal de temática libre. Así mesmo, o departamento de Cultura autonómico contribuirá tamén á organización da mostra que percorrerá a traxectoria de Francisco Asorey e que se exporá tanto no Pazo de Torrado (Cambados) como no de Fonseca (Santiago).
Coa promoción destas iniciativas a Consellería de Cultura e Educación contribúe á lembranza dunha das figuras galegas máis sobranceiras e relevantes da renovación da arte escultórica do século XX. A maiores das devanditas actividades, está previsto organizar un curso de verán na USC en Cambados coa participación de distintos profesionais e especialistas na vida e obra do escultor.











