Convócanse as axudas de apoio ás familias ourensás para a compra de libros e comedor escolar
A Concellería de Benestar Social do Concello de Ourense convoca as axudas que darán apoio ás familias ourensás con escasos recursos económicos para afrontar o próximo curso escolar 2014/2015. As axudas están destinadas á adquisición de libros de texto e de material escolar para alumnado de Educación Infantil e para sufragar os custes do servizo de comedor escolar para alumnado de Infantil, Primaria ou Secundaria Obrigatoria, que estude en centros públicos ou concertados.
Trala publicación hoxe, no Boletín Oficial da Provincia de Ourense, das bases e da convocatoria, ábrese un prazo de 15 días hábiles, dende mañá, xoves, 8, ata o luns, 26 de maio, no que as persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes, a través do Rexistro Xeral do Concello de Ourense (na planta baixa da Casa do Concello, na Praza Maior) segundo o modelo normalizado. Tamén poden solicitar máis información na Concellería de Benestar Social.
A convocatoria dá continuidade ás axudas que a Concellería de Benestar Social concede cada ano ás familias ourensás. As solicitantes deberán estar empadroadas no Concello de Ourense, ter nenos ou nenas matriculados en centros de Educación Infantil (no caso das axudas para libros e material escolar) ou matriculados en Infantil, Primaria ou Secundaria Obrigatoria no caso de comedor escolar.
As familias non deberán superar 3.500 euros de renda per capita anual. Computarase un membro máis no caso de presentar algún deles unha discapacidade igual ou superior ao 33% e tamén no caso de ser familia monoparental (a constituída por unha soa persoa proxenitora/titora con quen convive o neno ou nena e que é a única sustentadora da familia).
As axudas para libros e material escolar serán de 90 euros por escolar de 1º de Infantil (3 anos), de 110 euros para os de 2º de Infantil e de 125 euros para os de 3º de Infantil.
No caso das axudas para comedor, as axudas serán da totalidade do custe nos centros públicos e de 45 euros ao mes nos concertados.











