Continúa Pontenbici coa saída de Natureza sobre rodas pola Illa do Cobo e o Enil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A programación de Pontenbici pon en marcha este domingo a primeira saída de Natureza sobre rodas, o programa de visitas en bicicleta aos espazos naturais do concello que este ano chega á súa terceira edición.

A saída deste domingo é á Illa das Esculturas e ao Enil da Xunqueira de Alba. Esta ruta litoral ten unha lonxitude de 11 quilómetros aproximadamente, sen apenas desniveis e cunha dificultade baixa. Iníciase ao carón da Casa do Concello, na Alameda, e avanza pola marxe do río Lérez até a Illa do Cobo, un espazo no que salientan representacións de arte contemporánea interrelacionadas coa paisaxe. Dende alí achégase até o Enil da Xunqueira de Alba, por diversos tramos do Camiño Portugués a Compostela e pola vía anexa á autoestrada, que nos introduce novamente na Xunqueira.

Neste espazo natural destaca o papel depurador das augas que realiza a vexetación acuática, así como a conservación dos solos e a relación das achegas fluviais coa productividade das rías. Neste pequeno esteiro é común observar aves acuáticas migratorias nos momentos de paso, como as lamícolas ou de invernada, como a garza cinsenta (Ardea cinerea), e a garza branca (Egretta grazetta). A vexetación máis aparente é a dos illotes de esparto mariño (Spartina marítima), e outras especies halófitas, coma Sarcocornia perennis, Salicornia ramosissima e Limonium vulgare. Destacan tamén as xunqueiras do Juncus maritimus e interesantes mostras de canis de Typha latifolia.

Natureza sobre rodas son rutas en bicicleta (pensadas para unas 50 persoas) para visitar diversos espazos naturais próximos á cidade de Pontevedra. Son rutas para familias, aínda que se recomenda que non se leven nenos menores de 8 anos polas dificultades da ruta. As vindeiras saídas de Natureza sobre rodas serán o 25 de maio e 15 de xuño, de 11 a 14 horas. Son rutas circulares, con distancias comprendidas entre os 11 e os 14 quilómetros, en escasas dificultades.

3 de maio de 2014 | 12:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.