Contacontos, música e poesía protagonizarán a fin de semana en Lousame
O Concello de Lousame inicia esta fin de semana o seu programa especial de actividades co gallo da conmemoración do Día das Letras Galegas, que comeza este venres coa inauguración dunha exposición de pintura do lucense Julio Díaz Gesto, ás 21:00 horas, na sala de exposicións da Casa da Cultura de Lousame.
Para mañá sábado 10 de maio, ás 11:00 horas, está previsto o espectáculo “Antía, Wamba e o regato pequeno”, presentado por A tropa de trapo e o Fondo Galego de Cooperación. Trátase dunha combinación de contos e música dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 14 anos. A asistencia é libre e de balde na Casa da Cultura de Lousame.
O espectáculo inclúe catro contacontos que Wamba, un mozo do Congo que vende no Top Manta para poder sobrevivir, lle conta a Antía, unha nena galega que vai merendar ao parque. Trátase de catro historias que fala de África e de Europa, do que nos sobra e do que nos falta, de valorar o importante, de mirar con esperanza ao futuro, de compartir a verdade… En definitiva, uns contos para bailar e xogar pero tamén para sentir e pensar. E todo acompañados por música, interpretada por unha batería de reciclaxe, unha frauta doce, unha cunca tibetana ou unha kalimba, un instrumento típico africano.
Finalmente, o domingo 11 de maio, ás 20:00 horas, será tempo dun recital poético dramatizado: “Este é o noso mar”, a cargo da Tertulia Literaria do Tapal. A cita é no salón de actos da Casa da Cultura de Lousame e a entrada é libre e de balde.











