Contacontos, manualidades e monólogos na penúltima xornada da Semana das Letras en Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

A Biblioteca Pública Municipal de Verín e o salón de actos do colexio María Inmaculada de Verín serán o escenario, na xornada de mañá, das penúltimas actividades culturais e educativas programadas polo Concello de Verín durante a Semana das Letras Galegas, co gallo de celebrar esta efeméride que este ano está adicada a Xosé María Díaz Castro.

Desde as 18 ás 19.30 horas, a biblioteca verinense acollerá unha sesión lúdico-educativa destinada a conmemorar as Letras Galegas. A mesma consistirá na realización de contacontos en galego e manualidades, en concreto, o deseño dunha bolboreta con goma eva e témpera líquida. Devandita actividade está destinada a un máximo de 20 nenos/as socios/as da instalación, con idades comprendidas entre os 3 e 9 anos, e será coordinada por nenos/as voluntarios/as, de entre 11 e 16 anos, e persoal da Biblioteca Pública Municipal de Verín.

E xa ás 20.15 horas, o salón de actos do CPR Plurilingüe María Inmaculada acollerá a iniciativa Monólogos R. Unha iniciativa na que está prevista a actuación dos monologuistas Pepo Suevos e Isi. Monólogos R está organizado pola empresa de telefonía R, en colaboración co Concello de Verín e co centro receptor. O acceso será con invitación. As tarxetas de convite recóllense no local de R nos días anteriores ao acto.

15 de maio de 2014 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.