Contacontos, concursos e obradoiros conforman o programade Oroso para o Día das Letras Galegas
O Concello de Oroso ten preparado un programa especial para conmemorar o Día das Letras Galegas, que inclúe concursos, exposicións, contacontos e obradoiros durante as dúas próximas semanas. A biblioteca de Sigüeiro, no centro cultural Fernando Casas e Novoa, será o epicentro das actividades e nela haberá durante as próximas semanas unha mostra sobre Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado este ano.
Así mesmo, este mércores 14 de maio a compañía Elefante Elegante ofrecerá unha sesión especial de contacontos chamada “O aviador”, ás 18:00 horas no centro cultural de Sigüeiro. Trátase dun contacontos destinado a un público infantil, a partir dos 3 anos, no que a narración oral é acompañada pola manipulación de obxectos, as sombras chinesas, as marionetas de luva e a música, creando así o universo interactivo e cómico onde se desenvolve a obra. Acto seguido serán entregados os premios da décima edición do Concurso de Marcapáxinas.
Para o venres 16 de maio, tamén ás 18:00 horas, Viravolta Títeres ofrecerá o obradoiro “Marionetas de papel”, onde os nenos e nenas aprenderán a facer monicreques con cartolinas de cores, inventando distintas caras e conseguindo coa súa imaxinación grande variedade de marionetas que poderán levar para as súas casas.
Animación á lectura
Esta programación especial co gallo da conmemoración do Día das Letras Galegas compleméntase coas últimas sesións do Programa de Animación á Lectura por esta temporada. O vindeiro venres 23 de maio, ás 18:00 horas, terá lugar a última reunión do club de lectura mentres que o último contacontos da temporada terá lugar o sábado 24 de maio, ás 11:00 horas, baixo a temática: “Contos vellos para rapaces novos”.
Por último, o venres 30 de maio, ás 18:00 horas, o centro cultural de Sigüeiro acollerá unha gran festa de despedida desta temporada. En todos os casos a participación é de balde, se ben por razóns de organización é preciso anotarse previamente na biblioteca ou no teléfono 981 690 903.











