Concerto de Música Solidaria para Cáritas Verín
A casa consistorial de Verín acolleu esta mañá a presentación do Concerto de Música Solidaria para Cáritas Verín, a cargo dos concelleiros Víctor Manuel Baladrón e María Corona Meixeira, D. Jorge Estévez, párroco de Verín e representante de Cáritas no acto, e José Manuel Salgado, director do Conservatorio Elemental de Música de Verín.
O concerto Música solidaria para Cáritas Verín terá lugar este sábado 10 de maio, ás 17 horas, na Igrexa Parroquial de Verín. O mesmo está organizado polo Conservatorio Elemental de Música de Verín e conta coa colaboración da Fundación Caja Rural de Zamora -que se fai cargo da impresión de carteis, entradas e programas-, do deseñador Jorge Máximo Godás Limia -que fixo gratuitamente os deseños dos materiais impresos-, e do Concello de Verín -responsable das necesidades de produción-. O obxectivo de Música solidaria para Cáritas Verín é recadar fondos en favor de Cáritas Verín, a través da adquisición dunha entrada para acceder a este concerto, cun prezo simbólico dun euro -que se pode adquirir na propia Igrexa Parroquia desde as 16.30 horas-. “O Conservatorio Elemental de Música de Verín creouse para ofrecer a posibilidade de formación musical regrada. Concertos como este serven para que o alumnado e o profesorado do centro se involucren activamente na actividade concertística, que é a prolongación natural da formación musical, e traten de que tanto as familias vinculadas á comunidade educativa do centro como o resto dos veciños gocen da música ao vivo; e se ademais disto podemos axudar cos concertos ao financiamento de programas de socorro social que institucións como Cáritas desenvolven, a proposta concertística mellórase significativamente”, subliñou Corona Meixeira.
O programa do concerto estará composto por temas que lle poidan gustar a todos os públicos, ofrecendo desde bandas sonoras de películas e músicas tradicionais de diversos países, a composicións de autores clásicos de referencia, como Mozart, Bach ou Chopin, entre outros. En anteriores edicións os concertos benéficos foron destinados para outras entidades como Save the Children -dentro da campaña ‘Dar a nota pola solidariedade’ nos anos 2010 e 2011, a favor de Costa de Marfil e Haití, respectivamente-, Unicef -no 2012- e xa o ano pasado para entidade de Cáritas Verín. “A realización deste concerto é importante por dobre motivo, primeiro porque é unha maneira de ver o traballo realizado polos alumnos durante o curso, e segundo por pensar en Cáritas, xa que vivimos un momento especialmente delicado, posto que hai moita xente que acude con necesidades de todo o tipo”, recordou o párroco verinense.











