Concello e Universidade da Coruña colaboran para que persoas maiores e estudantes compartan vivenda
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, e o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Xosé Luís Armesto, ratificaron hoxe o compromiso adquirido por ambas as administracións para traballar en proxectos comúns nos que teñen un interese recíproco e que permitirán atender as necesidades sociais e dos alumnos dos campus universitarios. Os dous novos convenios de colaboración que asinaron esta mañá permitirán pór en marcha unha iniciativa pioneira na cidade para que as persoas maiores compartan o seu aloxamento cos estudantes e, doutra banda, mellorar os accesos aos campus.
O alcalde explicou que o programa de aloxamento compartido intergeneracional é unha iniciativa de carácter solidario que busca a convivencia das persoas maiores residentes na cidade cos alumnos matriculados nas titulacións que se imparten nos campus da Coruña. Esta iniciativa pioneira na cidade permite ofrecer ao alumno un aloxamento de calidade e que se produza un “enriquecemento e aprendizaxe mutua” que favoreza o “envellecemento activo” das persoas maiores, tal e como destacou Carlos Negreira.
O novo convenio subscrito polo Concello coa Universidade da Coruña persegue unha serie de obxectivos que sirvan como alternativa para afrontar o problema da soidade entre os maiores e o seu intercambio de coñecementos e experiencias cos novos estudantes
– Promover e facilitar as relacións solidarias e de axuda mutua entre dúas xeracións.
– Propor medidas alternativas para afrontar o problema da soidade e apoiar o envellecemento activo na contorna habitual.
– Facilitar aos estudantes alternativas de aloxamento e favorecer o intercambio de experiencias entre xeracións.
Este acordo, que non supón custo económico para o Goberno municipal, é por dous anos e contará cun comité de expertos formado por técnicos da Concellaría de Servizos Sociais e da Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC.
O alcalde destacou que o programa de aloxamento compartido intergeneracional nace a raíz do convenio marco de colaboración asinado en novembro de 2013 para propor, deseñar, executar e avaliar as actividades de cooperación, creando un punto de encontro estable que garanta a relación e o diálogo fluído que xa existe entre ambas as institucións.
Carlos Negreira tamén informou de que, dentro desta liña de diálogo e de colaboración permanente entre Goberno local e Universidade, asinouse un segundo convenio para mellorar os accesos aos campus e no que o Concello realiza un investimento de 350.000 euros. Segundo o reitor da Universidade, está previsto empezar estes traballos no mes de xuño.











