Concello de Neda e Los Delfines promoven unha campaña de recollida de refugallos no entorno do río Xuvia
O Concello de Neda e a asociación de buceo medio ambiental e sanitaria Los Delfines porán en marcha unha campaña de recollida de refugallos no entorno do río Xuvia. Máis concretamente, no treito que discorre entre a súa desembocadura e o parque infantil do Principiño. Unha zona na que a asociación constatou a presenza de basura, especialmente plásticos, cristal e, en menor medida, metais e outros obxectos como caixas ou mesmo útiles de cociña. O obxectivo de Administración e entidade é eliminar os residuos que se foron acumulando e recuperar o aspecto deste espazo natural. E facelo coa colaboración da veciñanza que desexe apuntarse. Esa limpeza levaráse a cabo o 14 de xuño, en horario de mañá. Así, as persoas interesadas en participar tan só deben presentarse no lugar e data mencionados coa indumentaria e calzado adecuados. A organización cederá guantes e bolsas para a recollida.
A iniciativa está aberta a todas as idades, xa que os nenos e rapaces encargaránse, coa supervisión de adultos, de clasificar os refugallos que, posteriormente, o Concello de Neda levará ao punto limpo municipal.
Trátase esta da primeira actividade a pé de campo que realiza na vila a asociación Los Delfines despois de que se asentase nas instalacións da Casilla do Puntal. Pero non será a única neste eido, xa que nos próximos meses plantéase realizar diversas accións como bautismos de mar; impartir charlas en centros educativos sobre o manexo de desfibriladores, ou colaborar en tarefas de seguridade en competicións deportivas de vela, piragüismo.











