Comezan os traballos das brigadas de limpeza e mantemento do Parque Municipal do Carballiño
As brigadas do Parque Municipal empezaron xa a traballar a principios deste mes de maio, tal e como anunciaba o alcalde do Carballiño Argimiro Marnotes. Esta brigada está composta por tres operarios, que desenvolvesen os traballos de limpeza roce e mantemento de todo o parque municipal, de luns a domingo, tendo a súa sede na casa do Peón Caminero.
Os primeiros traballos que se desenvolveron centráronse nas ribeiras do Arenteiro, en todo o paseo que vai desde a ponte de Toscaña ata o cámping municipal e a zona dos muiños. Segundo o alcalde “esta é unha zona moi visitada polos veciños e veciñas, e nunca se realizou un traballo serio de roza e mantemento. Esperemos que, a partir de agora, este paseo sexa aínda máis transitado e os carballiñeses gocemos máis do noso río”.
Unha das características máis importantes desta brigada é a do mantemento “de pouco serve limpar e rozar agora si logo, o resto do ano, deixamos o parque abandonado”. Por iso Argimiro Marnotes insistiu moito en que esta brigada traballase durante todo o ano para ofrecer sempre a mellor cara do parque municipal.
Mesmo se está expondo a posibilidade de ampliar o número de operarios destas brigadas en datas puntuais, co que se vería intensificado o traballo da mesma e a súa eficacia.











