Comezan en Lousame as obras de mellora do vial dende o cruce de Castiñeiras ata Gandarela
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, asistiu hoxe á acta de replanteo das obras de mellora da pavimentación do vial dende o cruce de Castiñeiras ata Gandarela, adxudicadas por 44.875 euros á empresa Construcciones Fermín Simal SL. Teresa Villaverde destacou “a importancia dos traballos que se van acometer para mellorar a seguridade viaria nun tramo de algo máis de catro quilómetros e que esperamos que poidan dar comezo esta mesma semana”. Os traballos teñen un prazo máximo de execución de 6 meses.
As obras permitirán mellorar un tramo de 4,1 quilómetros, dividido á súa vez en catro subtramos. O primeiro son 1,3 kms de 4 metros de ancho entre o vial de Gandarela e o Cruce de Ces, onde se mellorará a capa de rodaxe con tratamento superficial e rego de selado de toda a plataforma, previa reparación das fochancas.
Ademais, perfilaranse as mordentes e utilizarase grava e tratamento asfáltico semiprofundo para ampliar a calzada naquelas zonas nas que sexa preciso para unificar o ancho do vial. Unha ampliación que beneficiará a un tramo de 390 metros. Por último, abriranse gabias e limparanse as salvagabias para conseguir unha correcta drenaxe. Reporase a sinalización horizontal e colocaranse dous sinais de Stop.
O resto da obra
O outros tres subtramos da obra recibirán o mesmo tratamento, de acordo coas superficies correspondentes. Así, en todos os casos mellorarase a capa de rodaxe con reparación de fochancas e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo (sobre o 10% da superficie) e tratamento asfáltico superficial e rego de selado (sobre o 13% da superficie). Finalmente, abriranse gabias e limparanse as salvagabias para conseguir unha correcta drenaxe e reporase a sinalización horizontal.
Os outros tres subtramos son:
– Cruce de Ces-Fruíme e o cruce de A Peital, cunha lonxitude de 700 metros e 5 metros de ancho.
– Cruce Peital-Cruce Silvaredonda, cunha lonxitude de 900 metros e 4,5 metros de ancho.
– Cruce Silvaredonda-Cruce Castiñeira, 1.200 metros cun ancho de 4 metros.











