Comezan en Brión as obras dunha beirarrúa de acceso á zona deportiva de Lamiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

As brigadas de obras do Concello de Brión iniciaron hoxe mércores as obras de construción dunha beirarrúa emprazada no ámbito dotacional deportivo de Lamiño e que dá acceso ao pavillón polideportivo, á piscina municipal e ás pistas polideportivas de pádel e de tenis. Uns traballos orzamentados en 8.418,65 euros e que están incluídos no Plan de Cooperación Provincial de 2013.

Os traballos comezaron esta mañá coa nivelación da zona onde se vai construír a beirarrúa, unha superficie de 150 m2 sobre a que está previsto a instalación de adoquíns. Ademais, colocaranse as canalizacións correspondentes para a recollida de augas pluviais. Uns traballos que serán acometidos polas brigadas municipais de obras do Concello de Brión, polo que todo o orzamento se destinou exclusivamente á compra do material preciso.

As obras estarán finalizadas antes de que remate o mes de maio e permitirán mellorar a seguridade viaria nun punto neurálxico de Brión, pois nesta contorna se emprazan instalacións deportivas (piscina, polideportivo e pistas de tenis e de pádel) así como os accesos traseiros ao CEIP Pedrouzos e ao IES Brión.

7 de maio de 2014 | 12:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.