Comezan as camiñadas parroquiais en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Parece que por fin chega o bo tempo. E parece tamén que vén para quedar unha temporada. Ata dentro dun mes os días van continuar medrando, as tardes son longas e convidan a gozar do aire libre. Por iso o Concello volve organizar as Camiñadas parroquiais empezando este xoves 15 de maio por Ferreira. Ademais, para o 1 de xuño hai preparada unha ruta de sendeirismo de maior dificultade que se desenvolverá integramente en Naraío e sobre un percorrido de 13,5 quilómetros.

As Camiñadas parroquiais son paseos ao aire libre aptos para todas as idades. Son relativamente curtos -entre 5 e 6 quilómetros de distancia- e cun nivel de dificultade baixo, posto que discorren por pistas e camiños en bo estado e sen demasiado desnivel.

O Concello organizou cinco camiñadas que sairán dos locais sociais das distintas parroquias e sempre ás 16 horas. A primeira é en Ferreira este xoves 15 de maio. O luns 19 a camiñada será en Naraío, o 27 de maio en Bardaos, o 6 de xuño en Lamas e o 11 en Santa Mariña do Monte.

Non é necesario inscribirse, abonda con estar no punto de saída á hora e no día sinalados. Iso si, desde o Concello aconséllase levar roupa cómoda e clara -mellor chaleco reflectante-, calzado sen tacón que non sexa de estrea, calcetíns de algodón, gorra, bebida e algo de comer.

Ruta de sendeirismo

Onde si fai falla inscrición previa é na ruta de sendeirismo programada para o domingo 1 de xuño en Naraío. Aquí a cousa cambia, xa que aumenta a distancia -13,5 quilómetros- e tamén a dificultade. A saída está posta para as 10 da mañá do local social da Veiga, ao pé do campo de fútbol. O primeiro quilómetro é doado. Discorre por pista asfaltada sen case ningunha costa. Porén, ao chegar ao Batán o trazado empeza a complicarse. Nese punto comeza o ascenso ao Pousadoiro por unha pista forestal peada e chea de voltas.

A subida ao Pousadoiro é a parte máis dura do percorrido e tamén a que primeiro quedará superada. Desde ese punto os sendeiristas continuarán ata Chao do Pío, baixará ao Furado e á beira do Castro, onde collerán ruta con destino ao castelo de Naraío. Baixarán a Riolimpo e cruzarán outra vez o río para continuar polos Lamigueiros até a ponte dos Foxos, onde volverán pasar por riba do Castro para seguir despois pola presa de Blas e o muíño de Álvarez ata chegar á Ponte dos Pasos. Alí pasarán de novo á outra marxe do río e continuarán ata a Bóla -lugar onde se celebra o festival do Río Castro- e a Ponte da Ferrería, a escasos 200 metros do punto de chegada.

A ruta ten un especial interese debido a que pasará por lugares cun alto valor paisaxístico e cultural. Vai dirixida a persoas maiores de 9 anos que estean xa afeitas a andar. Neste caso aconséllase calzado cómodo, transpirable e tampouco estaría de máis -aínda que non é imprescindible- que teña certa rixidez e que protexa os nocellos.

14 de maio de 2014 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.