Comeza o proceso de contratación para o proxecto da avenida de Lugo-Boubeta
Hoxe publícase no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra ( BOPPO) a resolución provincial pola cal se convoca o procedemento aberto para a contratación da obra Avenida de Lugo- Boubeta, tal e como acordaron nunha reunión mantida esta semana o alcalde de Cangas José Enrique Sotelo e o presidente da Deputación de Pontevedra Rafael Louzán.
Este proxecto ten como obxectivo o acondicionamento do vieiro que vai dende a avenida de Lugo ata a zona de Boubeta, concretamente ata o cruce do Espírito Santo. As actuacións a realizar consisten na ampliación da estrada para dar cabida a dous carrís de circulación de dobre sentido, a dotación de beirarrúas por ambos lados da estrada, a habilitación de prazas de aparcamento onde o espazo o permita e a reposición de servizos coma o saneamento, abastecemento, pluviais e electricidade soterrada.
A inversión necesaria para a realización deste proxecto é de 1.310.689,96 euros dos cales o concello de Cangas aportará 100.000€ en 2014 e 150.000€ en 2015. O importe restante será sufragado polo organismo provincial.
As empresas interesadas en realizar este proxecto deberán presentar a documentación necesaria nun prazo de seis días na Deputación de Pontevedra.











