Comeza o prazo de inscrición para os 15 postos de socorritas e 3 patróns ofertados en Cangas
Hoxe publícase no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra a resolución adoptada pola Xunta de Goberno Local o pasado 14 de abril para a contratación de 15 socorristas e 3 patróns durante dous meses e medio na temporada de verán coa finalidade de garantir a seguridade nos areais do municipio sobre todo nas 10 praias que contan este ano co distintivo de Bandeira Azul.
Os interesados en optar a un destes postos deberán entregar as súas solicitudes a partir de mañá venres día 16 de abril durante un período de 10 días hábiles, en horario de 9.30 a 13.30 horas. Os aspirantes terán que entregar o modelo oficial de inscrición, unha copia cotexada do DNI, o xustificante do pago das taxas correspondentes e unha copia cotexada da titulación esixida na convocatoria.
Poderán presentarse como candidatos todos aqueles homes e mulleres maiores de 16 anos que non teñan cumprida a idade de xubilación forzosa que estean en posesión do graduado escolar ou FPI. No caso dos patróns deberán contar co título de patrón de navegación básica PNB ou superior. Os socorristas deberán cumprir o disposto no Decreto 104/2012 do 16 de marzo polo que se fixa a formación mínima dos socorristas.
As bases da convocatoria xa están colgadas no taboleiro de anuncios do concello e a partir desta tarde poderán ser consultadas na páxina web http://www.cangas.org.
A selección realizarase mediante unha proba de oposición que constará de dúas partes. A primeira consiste nunha proba teórica de 25 preguntas sobre o temario, que será valorada cun máximo de 50 puntos, sendo o mínimo para superala 25.
Para os candidatos aos tres postos de patrón a proba práctica terá lugar nos pantaláns do Porto Deportivo e consistirá no manexo da embarcación, proba de atraque e desatraque, e entrada e saída en praia e en porto. No caso dos aspirantes a unha das 15 prazas de socorrista, a parte práctica consistirá nunha carreira de 200 metros pola area, entrar no mar e recoller un boneco de rescate acuático, remolcalo á orilla empregando a técnica adecuada e sacalo da auga ata un punto indicado polo tribunal. Antes do comezo do exercicio o tribunal establecerá unhas marcas mínimas e máximas a cumprir.
Ambas probas prácticas, as dos patróns e as dos socorristas, están valoradas en 50 puntos, dos que hai que acadar un mínimo de 25 para superalas. Son de caracter excluínte.











