Comeza o acondicionamento da horta urbana na finca de Conde Bugallal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A finca municipal de Conde Bugallal, no barrio da Parda, iniciou nestes días os traballos para o acondicionamento dos terreos que albergarán a próxima horta urbana.

As obras abarcan a limpeza, a roza do terreo, a retirada de entullos e o acondicionamento do acceso á propia finca. Tamén se plantarán árbores, e colocarán bancos e mesas para a comodidade das mulleres que traballarán a horta urbana. Contará cunha caseta para poder gardar os instrumentos de labranza, aparte da conexión da auga necesaria para o seu desenvolvemento. Estos traballos de acondicionamento fainos o módulo de xardinería do colexio Xoán XXIII, que colabora coa Concellaría de Benestar neste e noutros proxectos do Concello, nunha clara aposta pola inclusión de persoas con discapacidade.

A futura horta urbana contará con 41 parcelas de 10×2 metros nos que traballarán exclusivamente mulleres, dado que é un proxecto promocionado pola Concellaría de Muller co obxetivo de impulsar o modelo de horta ecolóxica, o seu consumo saudable e favorecer, desta maneira, as relacións e a igualdade social.

As mulleres que participan no cultivo ecolóxico recibirán previamente os coñecementos necesarios por parte da empresa Ventos Estudios Ambientais, que os asesosará sobre como deben facer para cultivar adecuadamente e dar bo uso ás parcelas.

O mantemento da finca e os seus arredores correrá a cargo da empresa Feito, empresa integrada por usuarios de Servicios Sociais, e amparada pola Asociación sin ánimo de lucro Rexurdir que realizará dous días ao mes os traballos necesarios para o seu correcto coidado.

A próxima horta urbana da Parda estará integrado dentro doutros proxectos similares como a horta de Monte Porreiro atendida por cativos dos colexios máis cercanos, que logo poden gozar dos productos obtidos froito de seu traballo, e que achegan a labranza e o cultivo ecolóxico do rural á cidade. A intención do Goberno Local é darlle continuidade a este proxecto por outros terreos municipais.

7 de maio de 2014 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.