publicidade hoxe

Comeza a campaña de desbroces nas gabias das estradas de Teo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

No mes de maio comeza de xeito intensivo a campaña de desbroces nas gabias das estradas municipais do Concello de Teo. Segundo informa o concelleiro de Servizos Básicos, Xurxo Francos, “por estas datas sempre resulta urxente acometer estes traballos e este ano dun xeito especial xa que o inverno que tivemos con tantas choivas fixo que a herba medrara moito”. De feito a pesares que de a campaña anual está planificada entre os meses de maio e outubro nas últimas semanas os tractores municipais xa estiveron traballando na limpeza dalgúns cruces perigosos en Calo ou Luou e limpando na parroquia de Bamonde, pola celebración do San Xorxe.

Teo ten 800 quilómetros de rede viaria municipal asfaltada “o que supón o dobre de metros lineais para a limpeza de gabias e un dos maiores esforzos da concellaría de Servizos Básicos e do persoal desta área xa que a maioría do traballo se fai con medios técnicos e humanos propios” explica o concelleiro. Dende o mes de maio traballan dous tractores municipais con desbrozadora de brazo cada unha delas, que serán os encargados da limpeza en case todo o termo municipal. Os traballos na parroquia de Calo externalízanse xa que é unha parroquia moi extensa, con vías con bastante dificultade e que ten que estar limpa no mes de xuño, coincidindo co San Xoán, nun período con moito volume de traballo noutros lugares.

O calendario de limpeza previsto, como xa se fixo en anos anteriores, planifica a limpeza nos días previos ás principais celebracións festivas en cada parroquia. Este calendario faino de xeito continuo un dos tractores, que nestes días está no entorno da Casa Común de Rarís, onde se celebra a festa do picantón este domingo 11 de maio. O segundo vehículo fará traballos de apoio na mesma zona ou atende outros lugares nos que é imprescindible adiantar o desbroce pola demanda veciñal ou pola perigosidade da zona.

O calendario previsto establece que en maio se traballará en Rarís e no Raxó. No mes de xuño atenderase a zona de Balcaide, Recesende e Calo. Xullo é un mes no que se estará en varias parroquias, en Rarís, Reis, Vilariño, Lucí, Luou, Lampai e Cacheiras. En agosto será a quenda de Bamonde e Teo. No mes de setembro os tractores pasarán por Solláns, Ameneiro, Oza e de novo Rarís.

A limpeza da maleza realízase nos meses de máis calor xa que “no verán como pasa no inverno o medre da herba estáncase polas condicións meteorolóxicas e deste xeito a gabia mantense despexada durante varias semanas” explica Xurxo Francos. Contra a idea de que se debería comezar antes os técnicos destacan que nos momentos de choiva o una primavera desaconséllanse facer estes traballos xa que a auga provoca o arrastre da maleza e o atascamento das gabias ademais dun maior crecemento da herba, xa que os restos do desbroce coa humidade xeran nitróxeno e actúan como fertilizante.

Dende o Concello de Teo reitérase a petición de que as administracións supramunicipais con vías propias en Teo, Deputación e Xunta de Galicia, realicen estes traballos de mantemento con planificación e nun prazo razoable. A falta de limpeza nas vías pode provocar en ocasións situacións de perigo.

5 de maio de 2014 | 20:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.