Comerciantes, hostaleiros e veciños de Panxón piden o dobre sentido da Rúa Mariñeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNigrán
A-
A+

Veciños, comerciantes e hostaleiros de Panxón solicitan ao alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, que non se reinstaure o dobre sentido da Rúa Mariñeiro. Así llo fixeron saber no día de onte nunha visita que o rexedor municipal fixo á zona, así como no día de hoxe, mediante a entrega dunha folla de firmas na que piden ao alcalde o mantemento do sentido único deste viario, na que está representada a gran maioría de hostaleiros e comerciantes de Panxón.

Veciños, comerciantes e hostaleiros trasladaron ao alcalde o seu desexo de que os grupos da corporación teñan en conta a súa opinión antes de tomar unha decisión sobre o futuro da Rúa Mariñeiro. Ante esta petición, o rexedor municipal presentará na sesión plenaria de mañá unha moción de urxencia na que proporá a creación dunha comisión especial para discutir sobre o sentido de circulación da Rúa Mariñeiro, “na que estean representadas todas as partes afectadas, grupos políticos, a asociación de empresarios e comerciantes do Val Miñor OVALMI, asociación de veciños da zona, Policía Local e a empresa de transporte ATSA”, avanza Valverde.

Respaldo unánime

Nas visitas realizadas nos dous últimos días puido constatar unha vez máis a satisfacción de veciños, comerciantes e hostaleiros de Panxón coa iniciativa adoptada polo goberno municipal hai un ano de dotar de sentido único á Rúa Mariñeiro, “unha medida que mellorou de forma considerable a contorna de Panxón e que xera nunha zona de gran actividade económica e comercial 93 prazas de aparcadoiro”, subliña o rexedor.

Así mesmo, lembra que as diferentes modificacións que se realizaron nesta rúa, entre elas dotala dun sentido único descendente, responden as conclusións dun estudo da zona realizado por parte da policía local co obxectivo de tentar aliviar os problemas desa zona, priorizando aumentar as prazas de estacionamento, habilitar zonas específicas de carga e descarga, así como para persoas con mobilidade reducida, e procurar unha mellor circulación rodada.

Ao apoio de comerciantes, hostaleiros e veciños a esta iniciativa manifestado onte e hoxe, súmanse os escritos presentados en anteriores ocasións por veciños, comerciantes e hostaleiros. Por unha banda, a través de dous escritos remitidos por unha comunidade de veciños da Rúa Mariñeiro, que segundo o seu presidente representa o 95 % dos veciños, con data 8 de xullo de 2013, no que felicita a medida adoptada polo goberno municipal, e outro do 3 de marzo de 2014, no que se traslada a negativa dos veciños da comunidade a devolver o dobre sentido á Rúa Mariñeiro, alegando a mellora que esta medida supuxo para a zona, especialmente pola dotación de case un centenar de prazas de aparcadoiros.

Doutro lado atópase o escrito subscrito pola Asociación de Empresarios e Comerciantes de Val Miñor OVALMI, no que tamén se rexeita devolver o dobre sentido a esta rúa, argumentando a súa decisión na necesidade de prazas de aparcadoiro, especialmente no período estival. Hostaleiros e comerciantes insistiron ao alcalde no prexuízo que dita medida ocasionaría á actividade económica de hostaleiros e comerciantes da zona, e aseguraron ao alcalde que o verán pasado notaron maior afluencia de xente que en anos anteriores, circunstancia que atribúen en gran medida á dotación de estacionamentos na zona.

Fronte a estes posicionamentos a favor do sentido único da Rúa Mariñeiro, non consta queixa formal presentada no concello manifestando o desacordo coa medida adoptada polo goberno municipal, “máis aló dos argumentos dos grupos da oposición, que se basean no supostamente aprobado nunha asemblea da Asociación de Veciños de Monteferro, sobre a que solicitei a acta”, apunta Valverde.

O alcalde reitera que o sentido de circulación da Rúa Mariñeiro non pode ser escusa para non aprobar o orzamento municipal ou a PXOM, polo que expón ao pleno a celebración da devandita comisión. “Condicionar a aprobación dun orzamento ou dun plan xeral ao cambio de sentido dunha rúa é unha imprudencia, máis aínda cando devandito cambio prexudicaría de forma directa á actividade económica local”, conclúe o rexedor.

28 de maio de 2014 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.