Cogami organiza charla de prevención de lesións medulares no IES Perdouro de Burela
O luns, 19 de maio, ás 11:30 horas, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) imparte no IES Perdouro de Burela, unha charla de sensibilización sobre a prevención de lesións medulares.
Dirixidas a trinta e cinco alumnas/os de 4º curso da ESO, estas charlas van ser impartidas, durante 60 minutos, pola Presidenta da Asociación de Persoas con Discapacidade A Mariña-COGAMI, Emma Caamaño, quen irá acompañada por Iván Lindín Rodil e Ángel López, socios da entidade con lesión medular, co que contarán a súa experiencia de vida.
Temas como a descrición das secuelas da lesión, como asumir e superar ditas secuelas, a descrición de barreiras arquitectónicas e sociais,… van ser tratados coa finalidade de lograr que os rapaces e rapazas se decaten da importancia que ten a prevención para evitar situacións de risco que poden derivar en lesións graves.
Con estas charlas inténtase contribuír á paulatina redución dos índices de discapacidade adquirida na poboación en xeral, e entre a mocidade en particular. É unha actividade que desenvolve COGAMI e que está orientada cara a colexios, institutos, centros universitarios e centros laborais co obxectivo de concienciar aos grupos de risco –mocidade, deportistas, profesionais- sobre as situacións de perigo máis evidentes como poden ser os accidentes domésticos, as caídas, os mergullos en zonas perigosas e os hábitos de prevención.











