COGAMI comeza en Pontevedra un curso de condutor no que se formarán doce persoas con discapacidade
O luns, 5 de maio, ás 16:00 horas, nas aulas da Autoescola Ecovial (Avenida de Vigo nº40, Pontevedra) inicia un curso de Condutor D+CAP para vehículos de máis de nove prazas que organiza a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e na que se van formar 12 persoas con discapacidade, 11 homes e 1 muller, procedentes dos concellos de Caldas, Cuntis, Cangas, Ribadumia, Pontevedra, Vigo, Salvaterra de Miño, O Rosal e Tomiño.
O curso, que ten unha duración de 130 horas teóricas e 10 de prácticas en autobús, está financiado pola Consellería de Traballo e Benestar a través da Secretaría Xeral de Política Social da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo no marco do convenio de Formación Profesional e Formación Ocupacional para as persoas con discapacidade que residan na comunidade galega (PROGRAMA OPERATIVO FSE-GALICIA 2007-2013).
De luns a venres, en horario de 16:00 a 21:15 horas, o alumnado terá que acudir a clases sobre condución racional no transporte de viaxeiros, regulamentación do transporte de viaxeiros e organización do mercado e seguridade do servizo de transporte de viaxeiros.
Todas as persoas que forman parte deste curso son usuarias do Servizo de Inrermediación Laboral de COGAMI de Pontevedra e Vigo. Proceden doutras profesións e decidiron apuntarse ao curso porque o ven como unha oportunidade de novas posibilidades laborais, como ser condutor de transporte de 065 ou de calquera empresa que oferten ofertas de emprego para o manexo de vehículos de transporte de persoas.
Para formar parte desta formación, COGAMI entrevistou previamente a todo o alumnado que tivo que pasar unha proceso de selección no que demostraron coñecementos xerais, o nivel de condución ademais de realizar unha entrevista persoal.











