Cofer e Ferrol asinan un convenio para actualizar os fondos da candidatura da cidade a patrimonio da humanidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, vén de asinar un novo convenio de colaboración coa Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER) para o enriquecemento, conservación e actualización en formato dixital, así como a difusión da candidatura de Ferrol a Patrimonio da Humanidade. O primeiro edil da cidade asinou este acordo de colaboración co presidente de COFER, Isidro Silveira, esta mesma semana e o importe do mesmo ascende a 50.000 euros.

Ferrol dispón dunha ampla documentación e traballos de investigación, estudo e catalogación sobre o seu patrimonio histórico. Especialmente catalogados están os fondos referidos ás fortificacións da ría e instalacións loxísticas, Arsenal Militar e o barrio da Magdalena, creados en tempos da Ilustración. O obxectivo fundamental destes traballos é preparación da documentación precisa para que este conxunto histórico sexa declarado pola UNESCO ben Patrimonio da Humanidade. Por esta razón, tal e como se recolle no texto do convenio, é de vital importancia garantir a conservación, xestión, tratamento bibliográfico e actualización de todos os fondos e ampliar a difusión da candidatura en distintos ámbitos para seguir recadando apoios á mesma.

Así as cousas, COFER ocuparase da protección e enriquecemento da documentación da candidatura e do patrimonio bibliográfico; así como de permitir e facilitar o acceso aos mesmos de todos os interesados nestas cuestións. Esta entidade tamén se encargará da actualización do catálogo documental en formato dixital compatible a escala mundial para facilitar o intercambio internacional de rexistros bibliográficos; así como de difundir a candidatura.

 

14 de maio de 2014 | 20:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.