Club de Montaña e Concello de Ferrol organizan a primeira ruta a pé Costa Ártabra
O Concello de Ferrol, a través das Concellerías de Deportes e de Turismo, colabora co Club de Montaña na posta en marcha da Ruta Costa Ártabra de Ferrol – 50 quilómetros a Pé. As edís Susana Martínez Galdós e María del Carmen García Fraga, xunto con Xan Ramirez, presidente do Club de Montaña, presentaron hoxe na Casa Consistorial esta ruta circular que se celebrará o vindeiro 14 de xuño.
“Con esta nova ruta queremos continuar tanto o Concello como o Club de Montaña Ferrol coa filosofía de marchas como a de Teixido, que se celebrou durante quince edicións e que supuxo un pulo de promoción desta ruta milenaria de peregrinación”, apuntou a titular de Deportes. Ao respecto da nova proposta de Ruta Ártabra, Martínez Galdós sinalou que está integrada no Circuíto Galego de Grandes Marchas; e que na mesma se prevé a participación de ao redor de 250 persoas. “Esta primeira edición non terá carácter competitivo por razóns loxísticas e abrímola a persoas non federadas”, explicou a concelleira ferrolá. Ao respecto, engadiu que “a idea é recoller todas as opinións e mellorar ano a ano esta ruta a pé”.
Nesta liña, a responsable das políticas de Turismo destacou que esta iniciativa “servirá para crear un recurso permanente que dará a coñecer un dos treitos de costa mellor conservados de toda Galicia e atreveríame a dicir que de toda España”. Así mesmo, García Fraga destacou o feito de que a ruta transcorra por “un entorno natural de primeiro orde, declarado Lugar de Interese Comunitario; e que os concellos da zona debemos traballar na súa conservación e promoción”.
Promoción e inscripcións
Esta ruta a pé de 50 quilómetros conta con blog http://costaartabra50kmsferrol.blogspot.com.es/, que xa ten rexistradas máis de 5.000 visitas. Así mesmo, para dar a coñecer resta marcha dende o propio Club de Montaña realizouse un folleto e se vai a colgar o track para o GPS.
O prazo de inscricións para participar nesta marcha está aberto até o día 6 do vindeiro mes de xuño, e as cotas son de 15 euros para o público en xeral; 12 euros para os socios do Club de Montaña e 10 euros para os federados. Poden apuntarse no local social da entidade deportiva –situado na rúa Coruña nº 102 e aberto ao público os luns, mércores e venres en horario de 19.30 a 21.30 horas- ou por correo electrónico: marchascmf@gmail.com. A saída será o sábado 14 de xuño ás 09.00 horas da mañá dende A Malata. O itinerario, de dificultade media, transcorrerá por O Confurco, Covas, San Xurxo, Doniños, Pieiro, Brión e remate na Malata. Haberá cinco punto de avituallamento (cada 8/10 quilómetros) no que se disporá de auga, bebida e froita para os camiñantes.











