Clausurouse o XXII Congreso anual de Periodipesca baixo o lema “Cervo e Burela, todo natural”
A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, destacou hoxe as condicións naturais da provincia de Lugo para converterse en destino turístico para os amantes da caza e da pesca. “Temos un gran potencial –subliñou- que vén avalado polos nosos recursos e no que debemos incidir no marco dese turismo de calidade, sustentable e diferenciado que queremos para Galicia e para Lugo en particular”.
A delegada realizou estas declaracións no marco da clausura do XXII Congreso Anual de Periodipesca, un congreso internacional de periodismo especializado en temas de caza, pesca, natureza e turismo rural e de aventura, celebrado este ano baixo o lema “Cervo e Burela, todo natural”.
Arias lembrou que a provincia si é “un puntal en turismo rural”, cunha oferta “catalogada entre as mellores” á que se engade “o aliciente da nosa gastronomía, porque como di o noso coñecido slogan E para comer… Lugo”.
Pero “temos tamén credenciais para converternos nun referente en turismo de caza e pesca”, apuntou, xa que “representamos máis dunha terceira parte da superficie cinexética galega, con preto de 1 millón de hectáreas e 152 tecores” á vez que ofrecemos “case 4.000 quilómetros de ríos aptos para a pesca, dos cales 460 están acotados en 58 cotos e 86 tramos”.
A delegada subliñou o interese que ambas actividades espertan entre os galegos e lembrou que o pasado ano rexistráronse preto de 47.000 licencias de caza e 64.000 de pesca en Galicia.
O congreso de Periodipesca, que se vén desenvolvendo na Mariña lucense dende o pasado día 1, conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza e de Turismo de Galicia.
Ao longo destas xornadas, periodistas especializados de medios nacionais e internacionais coñeceron a comarca e tiveron ocasión de disertar sobre temas como a nova lei de caza galega, o turismo de natureza en Galicia ou as oportunidades dos nosos ríos para a pesca, entre outros.











