Clausura dos obradoiros de emprego “Laboran” e “Sil” que formaron e deron un posto de traballo a 54 persoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Rogelio Martínez na clausura do obradoiro

Rogelio Martínez na clausura do obradoiro

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado do xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas, asistiu hoxe aos actos de clausura e entrega de diplomas de dous obradoiros de emprego realizados durante os últimos seis meses na provincia. A Consellería de Traballo e Benestar destinou a estes programas mixtos de formación e emprego 373.000 euros, beneficiando a 54 persoas desempregadas.

Os obradoiros clausurados hoxe son: “Laboran”, no que participaron 22 desempregados dos concellos do Barco de Valdeorras, Carballeda e Rubiá; e “Sil” do que se beneficiaron 20 alumnos achegados dos concellos da Rúa, Petín, Vilamartín de Valdeorras e Larouco.

Os alumnos e alumnas que remataron a súa participación nos obradoiros de emprego recibiron formación especializada e realizaron distintas actuacións prácticas nos ámbitos de xardinería, carpintería e forxa.

Así os participantes do obradoiro “Laboran” acondicionaron diversas zonas do Camiño de Inverno pertencentes aos tres concellos participantes nesta iniciativa, ademais de actuar na praia do Ouro. Pola súa banda, os beneficiarios do programa mixto de formación e emprego “Sil” centraron a súa actividade na rehabilitación do entorno da capela de San Roque e do Parque O Aguillón, na Rúa; nos xardíns das piscinas, do centro de saúde e da praza Doutor Quiroga, en Petín; na área recreativa do Bañadoiro, piscinas municipais, zona de Cerdeiras, Arcos e Rodeleira, en Vilamartín; e finalmente, nos xardíns das piscinas, escola, zona deportiva e centro social de Seadur, no concello de Larouco.

Incrementar a empregabilidade

Acompañado polos alcaldes, Rogelio Martínez explicou que iniciativas deste tipo permiten o acceso das persoas desempregadas a un posto de traballo ao tempo que ofrecen a formación teórica e práctica necesaria para que acaden unha boa cualificación e facilitarlles a súa reinserción laboral. Neste senso, o delegado territorial lembrou que os alumnos reciben hoxe os seus certificados de profesionalidade, que teñen validez en todo o territorio nacional. Estes documentos demostran a preparación e habilidades adquiridas, o que vai “incrementar moi significativamente a empregabilidade do alumnado”, segundo destacou Martínez.

Na provincia de Ourense, desenvolvéronse nos últimos meses un total de 11 obradoiros que contaron cun finaciamento de máis de 2 millóns de euros. Un total de 234 persoas desempregadas como alumnos e 67 persoas como persoal docente, administrativo e directivo dun total de 37 concellos participaron nos programas mixtos de formación e emprego que rematan estes días na provincia ourensá.

6 de maio de 2014 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.