Clausura do curso preparatorio para exame de graduado en ESO en Ponte Caldelas

Clausura do curso de graduado en ESO
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, clausurou, no Centro Cultural, o curso preparatorio para realizar o exame de graduado en ESO e no que participaron un total de 81 alumnos que durante catro meses recibiron formación sen custo económico algún para os asistentes.
Perfecto Rodríguez manifestou sentirse moi orgulloso do esforzo realizado, sobre todo daquelas persoas de maior idade, que mantiveron a súa constancia e traballo ata completar este proceso formativo. Así mesmo, o rexedor desexoulles sorte para o exame que terán que realizar en Pontevedra o próximo 23 de maio.
Esta iniciativa formativa organizada polo Concello de Ponte Caldelas a través da Oficina Municipal de Emprego e Desenvolvemento Local pretende apoiar desde un punto de vista formativo e educativo a aquelas persoas que no seu momento non finalizaron esta etapa dos seus estudos e que agora deciden tentalo, co apoio de profesionais da educación coordinados pola administración municipal.
Esta acción vai tamén especialmente dirixida a combater o abandono escolar para o que, o ano pasado solicitouse a axuda da Consellería de Educación, dentro do seu programa de loita para reducir a taxa de alumnos que tras o fracaso escolar abandonan os seus estudos. Este ano preténdese solicitar en canto salga publicada no DOG.
Perfecto Rodríguez felicitou aos alumnos asistentes que conclúen agora o curso pola súa decisión de retomar os seus estudos e defendeu a necesidade de “adquirir coñecementos e preparación como ferramentas imprescindibles para lograr unha mellor penetración no difícil mercado laboral que temos debido á persistente crise económica”, indicou o rexedor.
O alcalde de Ponte Caldelas sinalou tamén aos asistentes que esperaba que aproveitasen ao máximo os recursos formativos que o Concello puxo á súa disposición co fin de que poidan sacarlle o maior rendemento posible de face ao seu exame de gradación.
Os 81 alumnos foron divididos en dúas aulas que recibiron formación simultánea, durante os meses de febreiro, marzo e abril, no Centro Cultural, os luns e mércores en horario de 9:30 a 12:30 horas para o grupo da mañá, e de 16:30 a 19:30 para o da tarde. No mes de maio ampliouse o curso aos xoves, a fin de poder abarcar todo o temario.
Así mesmo, moitas persoas que así o solicitaron puideron recibir tamén clases de apoio os demais días da semana, a cargo dunha profesora os martes, xoves e venres.
Finalmente o alcalde manifestou o desexo do seu equipo de Goberno de continuar con este labor formativo en sucesivas convocatorias co fin de que o maior número de persoas poidan beneficiarse desta acción e sírvalles para conseguir a gradación en ESO, título imprescindible para lograr unha mellor inserción no mundo laboral.











