Citinart converterase nun gran espazo cultural no que 40 artistas urbanos achegarán a súa obra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, informou esta mañá do novo evento que acollerá a cidade, Citinart 2014, unha orixinal iniciativa na que, a través de 11 colectores construídos con palés, onde 40 profesionais de diferentes disciplinas artísticas -como fotografía, literatura, escultura, literatura ou do mundo audiovisual- mostrarán os seus traballos e propostas. “Os xardíns de Méndez Núñez converteranse unha vez máis nun espazo de convivencia único e innovador no que se informará aos cidadáns dos produtos e servizos culturais que se ofertan na Coruña”, sinalou a responsable municipal.

O proxecto Citinart 2014 nace dentro do espírito e o compromiso do actual equipo de goberno de impulsar e fomentar todas as disciplinas artísticas, con especial atención aos creadores coruñeses e á arte urbana. A concelleira asegurou que Citinart quere converterse nun fiel reflexo das inquietudes e os movementos máis activos que se poden atopar dentro do panorama artístico máis actual.

A Concellaría de Cultura converterá os xardíns de Méndez Núñez, á altura do Quiosco Alfonso, nun gran espazo para a difusión e promoción da arte e as súas diferentes disciplinas entre os días 23 de maio e 1 de xuño. Partindo dunha concepción similar á que en 2013 empregouse para outros eventos que tiveron gran éxito de público e artistas, como Incoruña ou como Foto/Vídeo, o proxecto Citinart 2014 ten como gran novidade que os colectores culturais serán de palé, dentro da filosofía de transmitir nesta mostra que o obxecto sempre ten unha segunda vida, unha segunda oportunidade a través da reutilización dos materiais.

Nesta ocasión, instalaranse un total de 11 colectores, que se poderán visitar a partir do 23 de maio durante os 10 días que Citinart permanecerá nos xardíns de Méndez Núñez:

Urban Sketcher Coruña: mostra do traballo dos artistas asociados a este movemento artístico.

Arte Urbana: tres artistas colaborarán no mesmo proxecto: Nine&Cía (Susana Shalabi), con talleres de skate, grafiti e DJ.

Pintura Rotatorio: apadriñado por Antón Lamazares, contará coa presenza de Edu Albo, Irene Sanjuán e Victoriano Fernández.

Escultura Rotatorio: formado por Colectivo Khavú, Subgrupo e Francisco Escudeiro.

Fotografía Rotatorio: con Pablo Mella e Roi Alonso.

Estudo de Fotografía (Luís Carré).

Literatura Rotatorio: Milicia Gráfica, con Pedro Ramos.

Sociocultural: ONCE (Carmen Ollé e Marcelo Bilevich), coa fotografía como tema estrela.

Sociocultural Rotatorio: Nos Why Not e o proxecto da Escola Pablo Ruiz Picasso.

Audiovisual Rotatorio: dentro do festival (S8).

Colector Visual: Peteiro co proxecto Recrea.

Cada colector estará ocupado por un artista durante polo menos tres días, tempo no que terá a oportunidade de convidar a un colaborador ou ao público a compartir con el unha tarde. Os colectores estarán abertos ao público en horario de mañá e tarde e atendidos en todo momento polos artistas, que aproveitarán para realizar obras e traballos en directo.

A tenente de alcalde de Cultura destacou que cada disciplina será apadriñada por unha figura de recoñecido prestixio internacional e que naza, residido ou que estea vinculada de maneira directa con Galicia. Así, está previsto que na inauguración de Citinart 2014 participe Antón Lamazares, pero tamén se achegarán até os xardíns de Méndez Núñez artistas da talla do debuxante Miguelanxo Prado, o ilustrador Javier de la Rosa ou o artista de sketchcrawl Sagar. En función da capacidade e da expectación que esperte o programa, os talleres e conferencias trasladaranse ás aulas e ao auditorio da sede do ONCE na Coruña, xunto ao Obelisco.

8 de maio de 2014 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.