Charlas de educación viaria e primeiros auxilios para colectivos de Verín
Durante as últimas xornadas, desde a Escola de Familia do Concello de Verín e Protección Civil de Verín desenvolvéronse diferentes iniciativas educativas, en materia de educación viaria e primeiros auxilios, destinadas a colectivos de estudantes e mulleres do municipio.
Con respecto ás charlas de primeiros auxilios, as mesmas foron impartidas por integrantes de Protección Civil de Verín en 4º de ESO do Colexio María Inmaculada, que abordaron cuestións como a reanimación cardiopulmonar (RCP), aplicación do PAS (protexer a zona, alertar a servizos de emerxencia e socorrer a vítima) e manobra de Heimlich (procedemento de primeiros auxilios para desobstruír o conduto respiratorio, normalmente bloqueado por un anaco de alimento ou calquera outro obxecto -trátase dunha técnica efectiva para salvar vidas en caso de asfixia por atragoamento-). As mesmas volverán a repetirse, a próxima semana, para outros/as alumnos/as deste centro educativo verinense.
Por outra banda, as integrantes do ‘ABC de Costura’ e ‘Club de Calceta’ -enmarcadas dentro da iniciativa Escola de Familia do Concello de Verín- participaron tamén nunha charla-coloquio de educación viaria. A mesma foi impartida por Sinda Aguiar, coordinadora provincial de educación viaria da DGT, que explicou cuestións referentes aos sistemas de retención infantís, utilización do casco e elementos reflectantes, e a nova normativa en materia de tráfico.











