Certame de debuxo para escolares sobre os instrumentos da música tradicional galega
Esta mañá tivo lugar a presentación da segunda edición do certame de debuxo “Os Instrumentos da Música Tradicional Galega”, unha iniciativa organizada pola Tradescola en colaboración coa área de Cultura da Deputación de Lugo.
Na presentación estiveron o delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, e Mónica Fernández, coordinadora da Tradescola.
A finalidade desta actividade, dirixida a arredor de 2.000 nenas e nenos de primeiro, segundo e terceiro curso de primaria dos centros de ensino do Concello de Lugo, é potenciar e difundir entre os máis pequenos a música tradicional galega, axudar a que coñezan os nosos instrumentos, a nosa historia e costumes dun xeito natural dende os primeiros anos, fomentando actitudes de respecto e valoración da mesma.
A Tradescola constitúe un proxecto educativo xestionado pola Asociación de Gaiteiros Galegos que busca a formación integral para todas e todos aqueles que queiran achegarse á música e ao baile tradicional galego. A maiores, organiza actividades complementarias vencelladas coa difusión da cultura tradicional, como é o caso deste II Certame de debuxo ‘Os Instrumentos de Música Tradicional Galega’, co que ademais de fomentar o coñecemento da nosa cultura musical, axudase a potenciar as destrezas manuais e a imaxinación dos rapaces.
Os escolares terán de prazo para a presentación dos seus debuxos até o 13 de xuño, logo será un xurado formado por profesores da Tradescola o que seleccionará 10 finalistas que recibirán como agasallo un lote de material didáctico con libros e CDs e o gañador ou gañadora recibirá como agasallo ter para o vindeiro ano a matrícula gratuíta na Tradescola para cursar a ensinanza que desexe das que se ofertan.











