Cedeira prevé a adquisición dunha máquina para facilitar a limpeza das praias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

O alcalde, Luis Rubido, explicou esta mañá que o Concello de Cedeira prevé mellorar a limpeza e acondicionamento das praias mediante a adquisición dunha nova máquina especialmente pensada para estas tarefas en areais de pequeno tamaño ou difícil acceso. Máquina lixeira e manexable que, ademáis de empregarse na praia urbana da Magdalena, facilitaría estas tarefas noutras como a Area Longa, de dimensións máis reducidas e complicado uso para maquinaria pesada. Esta solución permite unha minuciosa limpeza e un gran rendemento neste tipo de superficies e o seu custe ascende a uns 9.000 euros, que o Concello prevé financiar cunha subvención autonómica.

E é que se trata dun dos proxectos que o Concello presentará ao Fondo de Compensación Ambiental da Xunta, xunto coa posta en marcha do servizo de aluguer de bicicletas ou a contratación por espazo de dous meses de dous auxiliares de policía. Proxecto este último que, ademáis, favorecerá a creación de emprego. As principais funcións deste persoal centraríanse no ámbito medio ambiental, especialmente en labores de vixiancia. E, máis concretamente, velarían polo cumprimento da ordenanza reguladora de tenencia de animais domésticos e a obriga que esta contempla de que os propietarios retiren os excrementos das súas mascotas da vía pública. Unha obriga que o Concello lembra dende hai semanas a través dunha campaña informativa con carteis ubicados polo municipio.

26 de maio de 2014 | 19:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.