Cedeira celebra as súas festas en honor a San Isidro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCedeira
A-
A+

Cedeira celebra esta fin de semana as súas tradicionais festas en honor a San Isidro. Tres días, 16, 17 e 18 de maio, nos que hai programadas varias actuacións musicais e verbenas, ofrendas ao santo e, sobre todo, as merendas na Praia que ano tras ano congregan a gran parte da mocidade cedeiresa.

A festa iníciase o venres, día 16, coa actuación de dúas formacións: a coñecida Orquesta Capitol e o Grupo Alaska. Ambos se alternarán ata ben entrada a madrugada, dende as 22,30 horas que comeza o espectáculo. O sábado, día 17, é a xornada principal dos festexos. Ás 13 horas hai programada unha misa solemne na capela de San Isidro. Cando conclúa, arrancará a sesión vermú, a cargo do Grupo Alcázar. A esas horas xa comenzarán as tradicionais merendas por toda a praia da Magdalena, na zona de San Isidro, unhas merendas que habitualmente congregan a gran parte da mocidade de Cedeira e que se prolongan durante toda a tarde. Pola noite, ás 22,30 horas, está programada unha gran verbena, coa actuación da Orquesta Canadá e do Grupo Alcázar, que repite. Para o domingo, día 18, queda un tranquilo peche de festexos, con misa solemne ás 13,00 horas, á que segue unha sesión vermú ofrecida pola Banda de Música Vila de Cedeira.

As festas de San Isidro 2014 están organizadas pola Comisión de Festas de Cedeira, en conxunción coa de San Isidro. Colabora o Concello de Cedeira e Espectáculos Rey, ademáis de varios establecementos e comercios do municipio cedeirés. O lugar de celebración é o paseo marítimo (Camiño Real da Magdalena), ao longo de toda a zona de San Isidro, desde O Chiringuito ata o final da praia. É neste punto, ao remate do paseo, onde se ubican as actuacións das orquestras.

Cedeira Deporte. Así mesmo, e por primeira vez, Cedeira acollerá tamén a I Carrera Popular San Isidro, incluída no circuito Cedeira Deporte que organiza o Club Natación Cedeira Muebles García en colaboración co Concello. Será o domingo 18, a partires das cinco da tarde. As distancias, segundo as categorías, serán de 800, 1.800 e 5.000 metros. A inscripción, xa aberta, pode facerse no correo cnatacioncedeira@gmail.com ata as 16 horas do día da proba, ou ben in situ.

Para máis información, tense habilitado o teléfono 652 214 833. O custe para participar é dun euro nas categorías pitufo, benxamín, alevín e infantil; de cinco en sénior e veteráns e gratis para os socios do clube. Pódese abonar ao retirar o dorsal.

12 de maio de 2014 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.