Cedeira amplía a rede de alumeado público na zona da Ribeira
O Concello de Cedeira informou esta mañá da conclusión dos traballos para dotar de iluminación interior á zona antiga do cemiterio municipal. Unha medida demandada pola veciñanza e especialmente necesaria nos meses de inverno. Con ela, os problemas pola falta de visibilidade a determinadas horas da tarde evitaránse e facilitaráse así o acceso ao camposanto ou a celebración de oficios como enterros. Neste sentido, o concelleiro de Servizos, Alfredo Vilela, sinalou que os traballos retomaránse nos próximos meses para extendelos á zona nova. Isto é, á ampliación do cemiterio. A execución material do proxecto correu a cargo de operarios municipais e na mesma tamén participaron dous alumnos do IES Punta Candieira que, en virtude dun convenio de colaboración suscrito co Concello, están a completar a súa formación na fase práctica na Administración local. Tras a súa incorporación a finais do mes de marzo, os estudantes de Formación Profesional na rama de electricidade continuarán ata o 20 de xuño, completando así as 410 horas previstas.
Ambos participan tamén noutro dos proxectos que está a levar a cabo o Concello de Cedeira. Alfredo Vilela explica que, xunto aos operarios municipais, están a executar a ampliación da rede de alumeado público na zona da Ribeira. Máis concretamente, dende o lugar de Figaredo, pasando por Lamelas, baixando pola Acea e ata chegar ao polígono da Xunqueira. Unha área que ata o momento carecía
deste servizo e que, nos últimos anos, está a rexistrar un aumento do tránsito peatonal e tamén de vehículos. Colocaránse uns 20 puntos de luz que requerirán dun investimento duns 8.000 euros, financiados con fondos propios municipais. Durante a pasada semana instaláronse os postes para, a continuación, proceder á colocación das lámpadas.











