Catro xóvenes foron detidos por roubar nun piso en Santiago e agredir á propietaria
Axentes do Corpo Nacional de Policía detiveron o pasado día 8 a catro individuos, un deles menor de idade, aos que se lles imputan dous roubos con violencia, un deles por roubar nun piso tras golpear a súa propietaria.
Os feitos sucederon na tarde-noite do pasado día 30 de abril cando unha moza denunciou en dependencias policiais que fora vítima dun roubo no seu domicilio.
A vítima atopábase na súa casa cando recibiu a visita dun coñecido seu acompañado dun amigo, polo que os deixou entrar. Nun momento da visita a vítima decatouse de que había alguén máis na vivenda, concretamente no seu cuarto.
Alí, atopábanse dúas rapazas ás que non deixara entrar, e, segundo a denuncia, cando lles pediu explicacións comezaron a agredila; colaborando para iso un dos rapaces que a reduciu mentres a golpeaban. A vítima sufriu lesións leves na cara e nas cervicais, polo que foi asistida por un médico.
Esa mesma noite produciuse outro roubo con violencia, nos arredores de Santiago cando os dous varóns, tras recoller a un coñecido baixo a escusa de acompañalo á localidade de Valga para xestionar a compra de diversas pezas para a súa motocicleta, detiveron o vehículo nun momento do traxecto, nunha zona pouco transitada onde lle forzaron a baixarse do vehículo e a entregarlles as pertenzas que portaba nese momento.
Os asaltantes, ante as súplicas da vítima, deixáronlle vinte euros para poder avisar un taxi e regresar ao seu domicilio, dende onde se trasladou a dependencias policiais a denunciar os feitos.
Os tres detidos maiores de idade foron postos a disposición xudicial, mentres que a menor de idade quedou en liberdade tras tomarlle declaración en dependencias policiais.