publicidade hoxe

Catro deportistas galegos loitarán polo Campionato do Mundo de Duatlón en Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaPontevedra
A-
A+
Lete Lasa na presentación dos deportistas galegos

Lete Lasa na presentación dos deportistas galegos

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presidiu hoxe no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) a presentación dos deportistas galegos que participarán esta fin de semana no Campionato do Mundo de Duatlón 2014 na cidade de Pontevedra, que son Inés Santiago, Antonio Serrat, Gustavo Rodríguez e Susana Rodríguez.

Lete Lasa amosou a satisfacción da Xunta polo alto nivel do tríatlon galego nas súas diversas modalidades e puxo de relevo a boa traxectoria dos novos talentos que se preparan no CGTD, o centro para a excelencia competitiva que a Xunta pon a disposición dos deportistas. Así o indicou ante os responsables técnicos dos grupos de tecnificación e de alto rendemento de tríatlon no centro, no primeiro caso Jonathan Cancela e, no segundo, Omar González e Luis Piña.

Singularmente destacou o excelente traballo que están a facer os catro deportistas presentes no acto, que os días 31 de maio e 1 de xuño se medirán xunto a numerosos triatletas internacionais, e desexou que neste novo reto acaden os mellores resultados e sigan avanzando nas súas carreiras e obxectivos deportivos.

Os catro triatletas galegos

Inés Santiago, do Grupo de Tecnificación do CGTD, pertence á categoría cadete polo Club Tríatlon Ferrol e no mundial de Pontevedra correrá como júnior. É subcampiona de España de duatlón 2014 (Avilés).

Antonio Serrat, do Grupo de Alto Rendemento do CGTD e residente no centro, pertence á categoría júnior polo Club Penta Tri Terras de Lugo. É subcampión de España de duatlón 2014 (Avilés).

Gustavo Rodríguez, do Grupo de Alto Rendemento do CGTD, é subcampión galego de duatlón 2014 e dedícase á media distancia, tendo como obxectivos este ano o Mundial de Duatlón de Pontevedra e o Campionato do Mundo de media distancia.

Susana Rodríguez é paratriatleta polo Club Fluvial de Lugo e resultou gañadora da World Series de Yokohama (Paratriatlon). O seu gran obxectivo da tempada é o mundial de paratriatlón que se celebrará este verano en Edmonton (Canadá).

Os grupos de tecnificación e de alto rendemento de tríatlon do CTGD contan na actualidade cun total de 8 e 15 deportistas respectivamente.

Participación prevista no Mundial de Pontevedra

Segundo datos da organización, o Mundial de Duatlón de Pontevedra 2014, estruturado en 12 competicións, acollerá un total de 1.418 deportistas procedentes de máis de 30 países dos cinco continentes, o que suporá a maior participación rexistrada ata o de agora nun mundial desta modalidade. Por nacionalidades, os países con maior presenza de deportistas serán Gran Bretaña (349 inscritos), seguido de España (337) e os Estados Unidos (269). Tamén haberá unha importante participación de canadenses, franceses, australianos e surafricanos.

28 de maio de 2014 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.