Carral conmemora as Letras Galegas con diversas actividades
O Concello de Carral, a través da súa Concellería de Cultura, a Asociación Cultural Aires de Carral e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CPI Vicente Otero Valcárcel, organizan no presente mes de maio unha serie de actividades que pretenden lembrar a figura de Xosé Mª Díaz Castro e o valor que ten a lingua galega como principal elemento cultural de Galicia.
O alumnado da ESO do centro Vicente Otero levarán a cabo o XI Congreso da mocidade pola lingua, con actividades no centro Toñito Espiñeira e na Casa da Cultura. Terá a oportunidade de gozar da película galega de animación O Apóstolo, dun coloquio coa cantante galega Sés e analizar o monumento aos Mártires de Carral, que o 22 de maio cumpre 110 anos. A Concellería de Cultura aproveitará o congreso para facer entrega dos premios do 2º Concurso de Audiovisuais das Letras Galegas.
Despois, ás 20:30 h. e para público en xeral, proxectarase O Apóstolo na Casa da Cultura. A entrada é de balde. Esta película, feita coa técnica stop motion, recibiu innumerables premios nacionais e internacionais, e conta a aventura que lle acontece nunha aldea no Camiño de Santiago a un fuxido do cárcere.
O sábado 24 de maio a asociación Aires de Carral organiza o seu Festival Coral de Primavera, no que actuarán as corais polifónicas Virxe do Mar de Cedeira, a de Agolada e a carralesa Aires de Carral. Terá lugar no edificio Toñito Espiñeira ás 19:00 h.
A biblioteca da Casa da Cultura acollerá unha sesión de contos infantís coa compañía do Trinketrinke, que presentará Aventuras na Cociña. A sesión comezará ás 18:00 h. Esta actividade está incluída do no programa Ler Conta Moito.
O mesmo día, ás 20:00 h, terá lugar o acto central do Certame de Poesía Concello de Carral, no que se entregará o premio ao gañador ou gañadora do presente ano, e presentarase o libro gañador no 2013, Cronoloxía da urxencia, de Dores Tembrás.
O mes de maio rematará coa clausura das Escolas Municipais de Cultura e Deportes, no Pavillón do Espiño.











