Carlos Negreira asegura que é absolutamente falso que recomendase contratacións a Vendex
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, acusou de “absolutamente falso” que fixese unha recomendación ao Grupo Vendex, investigado na ‘Operación Pokémon’, para dúas supostas contratacións ou que recibise un convite, en 2011, para acudir a un partido de Champions no Santiago Bernabéu.
A preguntas dos xornalistas, Negreira manifestou, sobre o contido da parte do sumario sobre a rama ‘Pikachu’ da ‘Operación Pokémon’, que transcendeu este martes, que nel mesmo “non hai nada novo” e que é “todo remiolo”.
Ao respecto, recalcou que “a instrución segue o seu curso” e que o espera é que “todo conclúa canto antes para delimitar todo o que exista”, sentenciou.
Do contido do sumario que transcendeu, dixo que “o único” que a chamou a atención e que acusou de “novidade” é o escrito onde se fala de que, cando aínda era candidato á Alcaldía, recibiría un convite para acudir a un partido no Santiago Bernabéu.
“Absolutamente falso”, insistiu Negreira, quen apostilou que “nin no 2011, nin no 2012 nin no 2013” estivo no citado estadio. O mesmo contestou ao ser preguntado se non é certo que propuxese dúas contratacións.
PETICIÓN DE IMPUTACIÓN
“É falso, todo antigo”, recalcou o alcalde da Coruña. Ademais, precisou que sobre “a quinta emisión parcial do sumario” non ten “moito máis que dicir”. “Que conclúa a instrución”, engadiu.
Mentres, preguntado sobre o feito de que a xuíza non atendese a petición de Vixilancia Aduaneira para que declarase como imputado, manifestou que non lle parece “nin ben nin mal”.
Unicamente, volveu pedir que se remate a citada instrución “e que se delimiten, se é o caso, as responsabilidades ás que haxa lugar”, sentenciou.











