Carballo entrega no rexistro da Dirección Xeral de Mobilidade a solicitude de integración no Plan de transporte metropolitano

Reunión do alcalde do Carballo con Camino Triguero. Foto: C. Paz
A directora xeral de Mobilidade, Camino Triguero, reuniuse hoxe co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, para abordar a inclusión deste municipio no servizo do Plan de Transporte Metropolitano, concretamente nas áreas da Coruña e Santiago.
O Concello de Carballo presentou hoxe por escrito no rexistro da Dirección Xeral de Mobilidade a solicitude de adhesión ao Plan de Transporte Metropolitano en dúas áreas, Santiago e A Coruña.
Cabe lembrar que o Concello de Carballo sería o segundo de Galicia en integrarse en dúas áreas metropolitanas, tras o Concello de Miño, que dende o pasado mes de febreiro incorporouse ás áreas de Coruña e Ferrol.
A directora xeral de Mobilidade, Camino Triguero, manifestoulle ao Concello de Carballo o apoio do Goberno galego á súa petición. Triguero tamén se comprometeu a elaborar e remitir ao concello coa maior axilidade o estudo económico e financeiro deste proxecto de mobilidade co fin de determinar os custos para a Xunta e o concello de Carballo
En relación ao financiamento, como no resto dos casos de implantación do transporte metropolitano, o 80 % do importe da subvención do billete correspóndelle á Administración autonómica e o restante 20 % á entidade local. Cómpre lembrar que os custos dos transbordos que os viaxeiros realicen entre o autobús metropolitano e o urbano son achegados pola Xunta de Galicia.
Unha vez que o Concello de Carballo reciba a documentación precisa por parte da Xunta, deberá aprobar en Pleno a súa inclusión no Plan de Transporte Metropolitano.
Plan de Transporte Metropolitano
O Novo plan de transporte metropolitano de Galicia comezou a súa andadura no ano 2011 e, actualmente, está implantando nas Áreas de Transporte Metropolitano da Coruña, de Santiago de Compostela, de Ferrol e de Lugo.
Trátase dun plan ambicioso tras o que se está a fomentar o uso do transporte público mediante, medidas como o abaratamento e simplificación das tarifas. É un Plan flexible, no sentido de que está destinado a crecer coa implantación de novas áreas e coa integración de novos concellos nas áreas xa creadas.
A Xunta continúa traballando co fin de que máis concellos se integren neste Plan e poidan beneficiarse das vantaxes de mobilidade que proporciona este servizo. Así, en 2013 integráronse os concellos de Oza-Cesuras, Laracha e Cerceda na Área de Transporte Metropolitano da Coruña e os concellos de Negreira e Rois na Área de Transporte Metropolitano de Santiago de Compostela.
O programa tarifario vixente no Plan de Transporte Metropolitano leva consigo importantes vantaxes económicas para os seus usuarios. Establécense tarifas planas en función do número de saltos da viaxe e estas aplícanse por igual en cada unha das Áreas de Transporte Metropolitano constituídas. Deste xeito, as persoas usuarias van pagar unha tarifa única en función do número de saltos que teña a súa viaxe, con independencia dos transbordos que teña que facer. Estas tarifas están bonificadas polas administracións partícipes no programa.
Outra vantaxe económica do Plan é a bonificación por recorrencia, o que supón que aquelas persoas que realicen coa Tarxeta Metropolitana de Galicia 41 ou máis viaxes metropolitanas no mes natural percibirán a finais do mes seguinte a devolución do 15 % do importe consumido no mes no que se xera o dereito











