“Canta Ferrol” animará as rúas do centro da cidade coa gran gala final na praza de Amboage
A concelleira de Igualdade e Xuventude, Verónica Casal Míguez, presentou hoxe a segunda edición do certame Canta Ferrol, que a Administración municipal organiza en colaboración cos comerciantes do centro da cidade aglutinados na plataforma “Vive Ferrol” e que está dirixido á mocidade da comarca con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos. Un total de 48 centros educativos de Primaria e Secundaria –incluídos centros de Betanzos- inscribíronse neste certame que terá a súa gran final o vindeiro 17 de maio na praza de Amboage. A previsión é que a esta gala final cheguen unha trintena de finalistas dos que a metade subirán ao escenario de Amboage.
A edil Casal Míguez explicou que con esta iniciativa se pretende “descubrir novos talentos e, ao mesmo tempo, que se dinamiza o centro da cidade e se lle da un novo empuxe ao comercio coa celebración da gran gala en Amboage, que xa na edición anterior reuniu a centos de persoas”. A gala final do 17 de maio na praza de Amboage comezará ás 18.00 horas; e o xurado da mesma estará composto por Jaume Ma, finalista do programa de televisión La Voz; Jorge González, finalista de Operación Triunfo e La Voz; y K-Narias, dúo musical formado polas irmáns Gara e Loida. Todos eles farán de coach dos concursantes e tamén actuarán durante a gala.
O alumno que máis votos reciba por parte do xurado gañará o premio “A Mellor Voz de Ferrolterra”, que consiste nun cheque de 300 euros e un curso musical valorado en 200 euros que se impartirá na Escola Alborada de Ferrol. Ademais, ao evento súmase Parque Ferrol, que como patrocinador privado do mesmo, entregará o premio “Meréceste o mellor”, ao concursante dotado coa voz máis especial. Este premio consistirá nun vale de compra por valor de 300 euros nos establecementos de Parque Ferrol.











