Cangas será escenario do Campionato de España de Trial e Bike Trial

Presentación da proba deportiva
Hoxe celebrouse no Salón de Plenos a presentación do Campionato de España de Bike trial e Trial que terá lugar este fin de semana na parroquia de Aldán e que está organizado polo club Motoclub Aldán. O acto estivo presidido polo concelleiro de Deportes Francisco J. Soliño acompañado polo Xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia Daniel Benavides, o vicepresidente da Federación Galega de Motociclismo Nano Ferro e o presidente do Motoclub Aldán Mauro Hermelo.
Soliño destacou na súa intervención sinalando que “en Cangas temos a gran sorte de contar cun evento deportivo cada fin de semana”, “para o Concello de Cangas é un honor colaborar para que se celebren na nosa vila” engadiu a vez que enumerou varios campionatos celebrados na vila nas últimas datas en diferentes modalidades deportivas. O concelleiro sinalou que este campionato, xunto co final da etapa da Volta Ciclista a España son dous dos pratos máis fortes das citas deportivas que vai acoller Cangas este ano polo que recoñeceu e agradeceu “o enorme esforzo organizativo levado a cabo polo Motoclub Aldán para que este campionato saia adiante” ademais de sinalar que “este tipo de acontecementos serven tamén como campaña de promoción da nosa vila” apuntou.
Pola súa banda o responsable de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides agradeceu na súa intervención ao Concello de Cangas polo seu traballo en favor do deporte “facendo de Cangas un referente no mundo do deporte”. Tamén felicitou a Federación Galega de Motociclismo xa que Galicia ven sendo o escenario para a celebración deste tipo de eventos dende o ano 2.000, “o que demostra unha gran capacidade organizativa que ten o seu impacto positivo na economía das vilas anfitrionas e que une dun xeito especial a Galicia co mundo do trial” concluíu.
O vicepresidente da Federación Galega de Motociclismo Nano Ferro desculpou a ausencia do presidente da entidade e agradeceu a colaboración do goberno local para o desenvolvemento deste evento e destacou a ampla experiencia organizativa do club cangues, “polo que estou seguro que este campionato será un éxito” afirmou.
O presidente do Motoclub Aldán Mauro Hermelo explicou que o campionato celebrarase o sábado coas probas de bike trial e o domingo coas de trial a partir das 09.00 horas rematando ás 15.00 horas coa celebración da entrega de premios ámbolos días. Hermelo sinalou que este evento puntúa par ao campionato Galego como par ao campionato de España que está composto por nove probas das cales se descartan dúas. Os percorridos das diferentes categorías estarán instalados en varias zonas desta parroquia. Neste sentido o presidente da entidade deportiva destacou que procurouse facer unha proba con certa dificultade para que tivera atractivo tanto para os deportistas como para os afeccionados, “compaxinando zonas de montaña e zonas de costa”.
O sábado disputaranse as probas de bike trial nas categorías élite, senior, junior, minime e pousing. O domingo será a quenda para moto trial nas categorías TR2, TR3, júnior, cadete e xuvenil. Estímase unha participación de pretos de 200 corredores de toda España así como unha relevante participación de pilotos estranxeiros chegados de países como Francia, Estados Unidos, Noruega, Colombia ou da República Checa xa que España é unha das potencias mundiais nesta disciplina deportiva.
Os organizadores sinalan que é a primeira vez que se celebra un evento destas características na vila canguesa a nivel nacional, tendo lugar nos últimos anos probas de ámbito autonómico en diversas categorías, sendo Motoclub Aldán uns dos máis activos de Galicia.











