Cangas rodará en bicicleta na fin de semana
Cangas segue sumando eventos deportivos para esta fin de semana que se amosa moi intensa. Nesta ocasión presentouse na Casa da Xuventude a segunda edición do Díptico do Morrazo que desenvolverase os próximos días 17 e 18 de maio con dúas probas: o sábado o X Trofeo Concello de Cangas de Ciclismo e o domingo o IV Trofeo Concello de Moaña de Ciclismo organizados polo Club Ciclista Cangas e a Asociación Deportiva Punta Fondón respectivamente.
O acto estivo presidido polo concelleiro de Deportes Francisco J. Soliño acompañado polo presidente do Club Ciclista Cangas Adolfo Soliño, polo presidente da Asociación Deportiva Punta Fondón e polo ciclista profesional Delio Fernández.
Soliño sinalou “a movida fin de semana que vai a vivir Cangas con múltiples probas deportivas que vai a encher de deporte a nosa vila” así como reiterou aos responsables dos clubs presentes o compromiso do Concello de Cangas e da Fundación Cangas Deporte para apoiar e colaborar para a celebración deste tipo de eventos deportivos.
Pola súa banda Adolfo Soliño explicou que o percorrido desta edición ía ser o clásico, tomando a saída ás 10.00 horas na Alameda Vella da vila cara Aldán, pasando por Beluso, tomando a meta volante en Bueu continuando cara o Alto da Portela como premio de montaña patrocinado por Nodosa, continuando cara Cangas tomando o desvío cara San Blas percorrendo a parroquia de Coiro ata a Boubeta por onde baixarán pola avenida Espírito Santo cara a Rodeira volvendo dende alí ao punto de saída. Os ciclistas das categorías máster 60 deberán completar unha volta ao recorrido, dúas os participantes na categoría máster 50 sendo tres voltas para as categorías sénior, máster 30 e máster 40 facendo un total de 80 quilómetros de percorrido. A proba está previsto que finalice ás 12.30 horas coa entrega de premios. Soliño destacou que desta proba sairán os líderes nas diferentes categorías que deberán defender a posición na proba de Moaña ao día seguinte.
O presidente da Asociación Deportiva Punta Fondón Javier Baz sinalou que o percorrido da proba moañesa percorrerá todas as parroquias tomando a saída ás 10.00 horas na rúa Concepción Areal, en pleno centro da vila, saíndo cara Domaio para dende alí volver ata o casco urbano facendo dúas voltas para despois xirar cara Abelendo e Ameixoada e dende alí baixar por Coiro para volver a Moaña e dende alí saír cara Berducedo facendo alí o premio de montaña, patrocinado polo Banco Mediolanum, regresando a Moaña cara a meta, onde rematarán os ciclistas das categorías máster 50 e 60 despois de percorrer máis de 50 quilómetros. O resto do pelotón continuará regresando a Berducedo para despois baixar ata o casco urbano tomando a meta na rúa Concepción Areal sobre ás 12.30 horas pechándose o evento coa entrega de premios.
Delio Fernández destacou a dureza e intensidade do percorrido así como que o feito de que este evento unha das probas con maior auxe do ciclismo galego cun excelente nivel tanto no número de participantes, preto de 200, como polo nivel deportivo dos mesmos.











