Cangas reforza o servizo de atención turística coa contratación de persoal
O concello de Cangas reforzará o servizo de atención turística nas Oficinas Municipais de Turismo, coa contratación dunha persoa para os meses de xuño, xullo, agosto e setembro, grazas a unha subvención que a Axencia de Turismo de Galicia concede aos concellos declarados municipios turísticos.
Con esta medida preténdese mellorar a atención turística que se presta nas oficinas da Casa da Bola, o muelle e O Hío, aos numerosos visitantes que cada verán achéganse ata Cangas para gozas das súas praias, 10 delas con Bandeira Azul, a súa gastronomía e coñecer a súa historia.
A pasada temporada estival máis de 10.000 persoas acudiron a unha das Oficinas Municipais de Turismo en busca de información. Este ano, Cangas foi galardoada con tres distintivos de Bandeira Azul máis que no pasado ano polo que se estima que un maior número de turistas se achegue ao municipio.
Durante os dous últimos meses o goberno local xa reforzou este servizo coa creación de dúas bolsas para diplomados, graduados en Turismo ou técnicos superiores en Información e Comercialización Turística para realización de prácticas nas oficinas municipais de turismo ademais de contar con outra bolseira da Deputación de Pontevedra e a técnico de Turismo.
A concelleira de Turismo Berta Pérez resalta a importancia de contar con persoal suficiente para atender a demanda de información turística nunha época na que numerosos visitantes se achegan ao municipio e anuncia que en breve se iniciará o proceso de selección para cubrir esta praza.











